A voceira do PP, Nicole Grueira, fai de novo públicas as queixas das nais e pais do alumnado do CEIP e dos usuarios do PAI xa que “ambos edificios de titularidade municipal contan con deficiencias”.
A voceira popular, Nicole Grueira, explica que “cunha simple consulta ao catastro” pode comprobarse como ambos edificios son de titularidade do Concello de Pol “polo que é o alcalde o que ten que aportar solucións aos problemas existentes, en lugar de centrar os seus esforzos en culpar á Xunta de Galicia”.
Neste senso, a voceira popular recorda como “xa foi o alcalde ao comezo do curso o que creou un problema que non existía” ao suprimir a praza do conserxe que, dende o 11 de setembro, xa non exerce esta función. “Que o alcalde decidise retirar este servizo fundamental que ten que prestar o Concello deixa ás claras a nula intención de Lino Rodríguez por solucionar os problemas, xa que o único que quere é enquistar aínda máis os existente e provocar máis”, lamentou.
Incluso, no referente ao PAI, o alcalde “amosou un claro deixamento de funcións ao non continuar coa tramitación para cambiar a localización deste servizo”. “Tivemos coñecemento de que iniciou a solicitude para trocar a ubicación do PAI pero dende que iniciou a petición non volveu a aportar máis documentación”, denunciou.
A estes problemas hai que engadir “o lento avance” dos traballos de renovación do polideportivo, que xa superan o ano e medio, “e que están a afectar a todos os nenos e nenas que teñen serias dificultades para realizar as súas actividades escolares e deportivas, sen esquecer que as obras sen perimetrar con vallas de seguridade, polo que o paso de xente externa á comunidade educativa, entrada de animais perigosos… é libre”.
Neste senso, Nicole Grueira recorda “como xa preguntamos ao alcalde por que non se cumpriron os prazos previstos, pregunta á que non tivemos resposta”. “Este atraso non é unha simple cuestión técnica, senón unha mostra evidente da mala xestión do alcalde, que non foi quen de cumprir cos prazos establecidos nin de ofrecer unha alternativa real por falta de diñeiro”, denunciou.