Partido Popular de Lugo

O PP confirma que “o tempo pon de novo no seu sitio a Tomé” xa que un decreto seu confirma que foi un mentiroso cando falou dun pelotazo urbanístico en Paradai

Mércores, 22 de abril de 2025. Os voceiro no Concello e na Deputación de Lugo, Elena Candia e Antonio Ameijide, ofreceron esta mañá unha rolda de prensa, acompañados de concelleiros e deputados provinciais, para desvelar novos datos sobre a venda de varias parcelas que o ente provincial ten en Paradai.

Ambos voceiros coincidiron á hora de esixir a José Tomé que pida desculpas públicas “por todas as mentiras e calumnias” vertidas contra o Partido Popular, especialmente contra o expresidente da Deputación Francisco Cacharro, en relación á venda de varias parcelas que o ente provincial ten en Paradai.

Antonio Ameijide recorda, en primeiro lugar, “a desesperación” que debía ter naquel momento José Tomé para ter que retrotraerse 18 anos e falar de persoas xa falecidas para “tentar defender as cacicadas de PSOE e BNG á fronte da Deputación de Lugo”.

O voceiro popular recorda que este proceso de venda de parcelas comezou en outubro de 2005 dende Suplusa, nun proceso avalado polo propio PSOE, xa que se aprobou por unanimidade dos membros deste ente e, dende entón, “ningún dos diferentes gobernos socialistas que rexeron a Deputación de Lugo e que herdaron unha venda en condicións de total transparencia, pola que a Deputación debería ingresar 3.666.173,84€ e que, tras case 20 anos non só non se ingresou este diñeiro senón que ata corremos o risco de ter que devolver os cartos ao promotor máis intereses de demora e veremos se tamén o lucro cesante”.

E tras moitas mentiras por parte de José Tomé, o PSOE e o BNG vemos como “o presidente da Deputación ten que recuar, dar marcha atrás e recoñecer que foron os gobernos de PSOE e BNG os que provocaron toda esta desfeita en Paradai pola súa desidia e falta de capacidade de traballo”.

Neste senso, Antonio Ameijide explica que segundo un decreto do 20 de novembro de 2024, a Deputación de Lugo autoriza un gasto de 12.100€ para a ‘Adaptación dos documentos para aprobación inicial do Plan Parcial S-13R do ano 2018 aos requirimentos municipais e nova lexislación’, ou o que é o mesmo, “José Tomé recoñece que non fixeron nada por regularizar a situación en Paradai a pesar de que hai un ano que acusou ao Partido Popular dun suposto pelotazo inmobiliario que queda claro non existe e que o problema real é que ningún dos gobernos de PSOE e BNG fixo nada por resolver esta venda de terreos, e recoñece con este decreto tamén que todo estivo paralizada polos gobernos do PSOE e BNG na deputación e no concello durante estes anos”.

Á vista dos feitos e do que agora queren corrixir PSOE e BNG, José Tomé ten a obriga de dar explicacións públicas de por que ese Plan Parcial para Paradai leva uns 20 anos paralizado nos caixóns do Concello de Lugo sen que a Deputación se preocupase o máis mínimo.

DATAS CLAVE NA VENDA DOS TERREOS DE PARADAI

O proceso se inicia en 2004. En marzo dese ano remitiuse ao Concello de Lugo, dende Suplusa, o inicio do Plan Parcial de Paradai, do que se deu conta no Consello Administración de Suplusa en decembro de 2004, xuntanza na que estaban presentes representantes do PSOE, como José Ramón Gómez Besteiro, entre outros.

O procedemento continúa en outubro de 2005, cando comeza o proceso de venda de terreos próximos aos que hoxe están en cuestión. Proceso que se apoia por unanimidade, por tanto co apoio do PSOE, quedando “patente que sempre se avalou por parte do PSOE a xestión do solo e urbanizables desta zona”.

O 20 de outubro de 2006, de novo o PSOE deu o seu visto e prace á venda duns terreos na contorna de Paradai como tamén o fixo co prego que rexeu posteriormente a venda no Polígono Este C de Paradai.

No BOP de Lugo do 3 xaneiro 2007 publícase a venda pública destes terreos, un proceso apoiado polo PSOE nas xuntanzas de Suplusa.

A este concurso público concorreron tres licitadores, proceso que se adxudicou o 3 de marzo de 2007 por 3.666.173,84€, co voto favorable do PSOE.

As cláusulas deste prego establecen un primeiro pago do 30% a realizar no momento da adxudicación do concurso (1.099.000€). Un segundo pago, tamén do 30%, vinculado a trámites urbanísticos e, un terceiro e último pago, por valor do 40% restante no momento da adxudicación da parcela de substitución, “algo que nunca se chegou a cumprir” debido á falta de traballo por parte da Deputación e do Concello de Lugo que, baixo mandatos socialistas e nacionalistas nestes 18 anos en ambas institucións, nada fixeron por avanzar nesta venda de terreos.

A realidade é que os pagos non se puideron executar porque dende a Deputación e o Concello de Lugo non se cumpriron os compromisos adquiridos, algo que con este decreto queda totalmente acreditado.

JOSÉ TOMÉ É UN MANIPULADOR”

Os populares afirman que á vista de todos os feitos relatados “José Tomé é un mentireiro e un manipulador” xa que “fartouse de acusar ao Partido Popular dun suposto pelotazo inmobiliario que queda claro nunca existiu”.

Antonio Ameijide tamén recorda como, no seu momento, José Tomé acusou ao Partido Popular de aproveitarse dun “suposto baleiro de poder” á fronte da Deputación “acusando de que todo o proceso se realizara baixo un presidente en funcións”, algo que “é totalmente falso porque non había ningún presidente en funcións xa que faltaba un ano para as eleccións municipais”.

Ademais, José Tomé, nin o PSOE nin o BNG poden alegar descoñecemento algún xa que se trata dun proceso realizado con total transparencia, con tres presidentes socialistas á fronte da Deputación, con auditorías anuais de Suplusa nas que se recoñecían ese dereito de cobro pendente e a liquidación final de Suplusa, sendo membro da comisión liquidadora Pilar García Porto e tendo en conta que José Tomé votou a favor da liquidación deste ente.

Incluso, nas contas de liquidación de Suplusa recoñécese unha débeda pendente coa Deputación de 2.718.694,26€, pendente desde 2007 e que segue vixente a día de hoxe “porque non se fixo nada por parte da Deputación para rematar o proceso de venda e cobrar esa cantidade” porque dende a Deputación nunca se puxo a disposición a parcela de substitución.

“Se alegan descoñecemento é que non leron a documentación na que se recoñecía unha débeda de máis de 2M€ antes de votar a favor da disolución”.

Pero hai outro dato máis que apoia que Tomé tiña coñecemento deste proceso dende hai varios anos é que na xunta de goberno provincial do 6 de maio de 2022 (con el xa como presidente), propón a comparecencia da entidade provincial ante o xulgado contencioso-administrativo por un recurso interposto polo comprador, que xa dirixira un escrito á Deputación o 4 de novembro de 2021.

Por todo isto, Ameijide esixe a Tomé “en primeiro lugar que pida desculpas por tentar manipular e mentir e, en segundo lugar, por empregar mentiras para manchar o nome e a reputación dunha persoa que non está entre nós e non se pode defender”.

“Non todo vale en política e José Tomé debería reflexionar sobre as súas formas, manipulacións e o seu futuro en política senón é capaz de estar á altura do cargo que ostenta”, afirmou.