Sarria, 21 de abril de 2025. Os concelleiros do PP de Sarria reciben con asiduidade queixas da veciñanza ante “os atrasos na tramitación de expedientes administrativos como, por exemplo, as licenzas municipais ou os vados” e, incluso, “atrancos” como a esixencia de documentación que xa obra en poder da propia administración. Isto supón, non só unha duplicidade innecesaria; senón tamén, en ocasións, o pago de taxas adicionais por parte dos solicitantes.
Ante esta situación, o Grupo Municipal Popular vén de rexistrar unha proposta para pedir ao goberno local de Camiña Sarria no vindeiro Pleno da Corporación Municipal medidas de “axilización e eficiencia” administrativa.
Os populares cren que “é necesario simplificar procesos, eliminar atrancos innecesarios e evitar esixencias redundantes”. De feito, defenden que “a mellora dos servizos públicos debe ser unha prioridade de calquera goberno municipal” e, polo tanto, tamén a eficiencia administrativa.
Ante unha práctica que “vai en contra dos principios de eficiencia administrativa e xera frustración e custos innecesarios para a veciñanza”, o PP de Sarria pide “procedementos claros, tempos de resposta razoables e unha xestión que evite demoras inxustificadas”.
Concretamente, os populares propoñen:
– Instar ao equipo de goberno municipal a realizar un diagnóstico exhaustivo dos procedementos administrativos que presenten maiores demoras, identificando os puntos de bloqueo que dificultan a súa tramitación.
– Impulsar medidas de simplificación administrativa.
– Evitar a solicitude de documentación que xa conste en poder da administración municipal ou doutras administracións públicas, recorrendo aos mecanismos de interoperabilidade existentes e cumprindo co principio de non esixir ao cidadán aquilo que xa foi achegado previamente ou que teñan sido elaborados por outra administración.
– Eliminar calquera taxa ou custo adicional derivado da achega reiterada de documentación ou certificados xa existentes nos arquivos municipais.
– Informar periodicamente á corporación municipal do estado de avance destas medidas e dos resultados acadados en termos de redución de prazos e mellora do servizo á cidadanía.