Lugo, 19 de abril de 2025.- Os senadores do PP lucense -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- temen que “o Goberno de Sánchez non acate o mandato” para “corrixir” o seu mapa concesional de transporte estatal por estrada -no que propón suprimir paradas en 11 concellos lucenses- e convocar a Conferencia Sectorial de Transporte.
Os populares advirten que en marzo confirmou por escrito en resposta ás preguntas dos representantes lucenses na Cámara Alta que “non ten intención de cambiar o mapa de transporte por estrada”, a pesar de que en novembro do ano pasado o Senado aprobaba en novembro do 2024 unha iniciativa do Partido Popular -co voto en contra do PSOE- para que o Goberno de Sánchez “rectificase” a súa proposta.
Máis recentemente, neste mes de abril, tamén o Congreso -coa abstención do PSOE- acordaba instar ao Executivo a retirar o borrador e coordinar unha nova proposta coas Comunidades Autónomas.
“A pesar do cambio no sentido do voto do PSOE, temos serias dúbidas de que Sánchez cumpra co aprobado primeiro no Senado e posteriormente no Congreso” toda vez que “o propio presidente ten manifestado que, se fora necesario, gobernaría sen as Cortes Xerais”, indican.
Con todo, os representantes do PP lucense na Cámara Alta cren que, “co cambio no sentido do voto, os socialistas recoñecen que a proposta do Goberno era prexudicial” para os pequenos concellos e convídanos a sumarse á petición para retirar o borrador e elaborar unha nova proposta en coordinación coas comunidades autónomas e que “non penalice á mobilidade nos municipios do rural” como son a maioría da provincia de Lugo.
A proposta presentada polo Goberno resta servizos ao rural e suprime paradas de transporte estatal a 11 concellos lucenses, a metade dos afectados en Galicia (A Pontenova, Meira, Guitiriz, Palas de Rei, O Corgo, Baralla, Monterroso, As Nogais, Pedrafita, Chantada e Quiroga).
“A proposta do Goberno de Sánchezdificulta a mobilidade entre vilas e municipios galegos e, ademais, fai imposible garantir conexións con outros núcleos de poboación doutras comunidades autónomas como, por exemplo, Ponferrada ou Astorga”, explican.
SÁNCHEZ DI UNHA COUSA E FAI A CONTRARIA
Os senadores do PP lucense censuran que “o Goberno de Sánchez, autodenominado progresista e abandeirado do reto demográfico, propoñaprecisamente medidas que en nada axudan a loitar contra o despoboamento do rural. Di unha cousa, pero fai a contraria”, conclúen.