Xoves, 17 de abril de 2025. “Ano e medio para comunicar o arranxo dunha estrada provincial que ten parte do seu percorrido no aire ao perder o seu asentamento”. Isto é o que tardaron PSOE e BNG en decatarse do perigo que supón circular pola LU-P-2403, en Guntín, que conta cun treito duns 30 metros que perdeu o seu asentamento, polo que o firme pode caer en calquera momento, xa que se trata dunha zona pola que circulan numerosos vehículos pesados.
O voceiro provincial, Antonio Ameijide, e o alcalde de Guntín, Ángel Pérez, revisaron esta estrada e comprobaron “o enorme risco” que supón para a seguridade viaria.
Unha nova situación de perigo nunha estrada provincial ante a que Antonio Ameijide insiste na necesidade de mellorar de forma urxente o mantemento das estradas provinciais xa que “son un verdadeiro perigo” para a seguridade dos seus usuarios.
Pola súa banda, o alcalde de Guntín, Ángel Pérez, agarda que “se corrixa esta situación no menor tempo posible para garantir a seguridade de todos os veciños, xa que se trata dunha estrada moi empregada ao comunicar núcleos de poboación importantes como Lousada ou Grolos”.