Partido Popular de Lugo

O PP pide a PSOE e BNG medidas de contención para garantir a seguridade na LU-P-1205, en Castroverde, nun punto no que se produciron accidentes

Mércores, 15 de abril de 2025. Os deputados do Grupo Provincial Popular piden a PSOE e BNG a instalación de medidas de contención para mellorar a seguridade viaria na LU-P-1205, xusto nunha curva na que hai un desnivel e na que xa se produciron varios accidentes.

O voceiro provincial, Antonio Ameijide, xunto ao voceiro Pablo Figueiras e varios concelleiros populares en Castroverde revisaron a situación na que se atopa esta estrada provincial.

Antonio Ameijide recorda que o mantemento das estradas provinciais segue a ser unha das tarefas pendentes para PSOE e BNG no goberno provincial, sendo esta estrada de Castroverde un novo exemplo dunha estrada abandonada polo goberno provincial, a pesar de ser moi empregada polos veciños.

“Xustamente no inicio desta estrada, na confluencia coa estrada LU-530, hai un desnivel na parte interior dunha curva, cunha caída duns tres metros, un punto no que se produciron varios accidentes, polo que, como mínimo, sería preciso instalar unha bionda, unha varanda ou calquera elemento que impida que calquera vehículo poida caer”, explicou.