Partido Popular de Lugo

Os senadores do PP lucense denuncian que “o Goberno de Sánchez se negue a mellorar a seguridade da N-VI no núcleo do Corgo”

O Corgo, 15 de abril de 2025.- Os senadores do PP lucense -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- advirten que “o Goberno de Sánchez non ten previsto mellorar a seguridade na estrada N-VI ao seu paso polo núcleo do Corgo” porque, a pesar “do seu tráfico e de ter o centro de saúde ao lado, entre outros servizos públicos”, considera que “non reúne as características necesarias para ser considerada como travesía”.

Os representantes lucenses do Grupo Popular no Senado deron a coñecer, xunto ao alcalde, Felipe Labrada, a resposta oficial do Goberno de España ás preguntas formuladas na Cámara Alta para coñecer as súas previsións para “adoptar algunha medida, unha rotonda ou outra fórmula que decidisen os técnicos, para mitigar o perigo para os peóns”.

Barreiro cre que “a resposta é para enmarcar” porque, segundo o Goberno de Sánchez, “aquí non hai ningún tipo de perigo”. Concretamente, aseguran que “a intersección do p.k.487+500 funciona correctamente, non téndose identificado, ata a actualidade, ningunha problemática de seguridade viaria nese punto”.

Os populares subliñan “a carencia de pasos de peóns e doutros elementos de regulación e calmado do tráfico que supón riscos para a seguridade de viandantes e vehículos”, especialmente, “nas proximidades do centro de saúde que é unha área moi frecuentada polos veciños” e na que, ademais, ten lugar unha feira que cada mes atrae a numerosas visitas.

A situación, neste punto, “é complexa e débese adoptar algunha solución”. Nese sentido, os senadores din que “dado que a resposta foi negativa, plantexaremos unha iniciativa para instar ao Goberno a adoptar medidas que corrixan esta situación de perigo real”.

FALTA DE INTERESE POLA PROVINCIA

“Unha vez máis o Goberno de Sánchez constata a súa falta de interese pola provincia de Lugo no ámbito de infraestruturas” ao negarse a recoñecer as necesidades en materia de seguridade viaria e a acometer melloras nas estradas da súa titularidade que se atopan “en estado de abandono pola súa falta de mantemento, conservación e de investimento para a rexeneración do firme”, conclúen.