Partido Popular de Lugo

O PP de Pol pregunta ao alcalde “canto tempo máis van a durar as obras do pavillón”, traballos que levan máis de medio ano en marcha

Pol, 15 de abril de 2025. A voceira do PP de Pol, Nicole Grueira, denuncia que as obras do pavillón levan xa máis de ano e medio en marcha, situación que está a prexudicar a todos os nenos e nenas que teñen serias dificultades para realizar as súas actividades escolares e deportivas, motivo polo que pregunta “por que non se cumpriron os prazos previstos”.

Nicole Grueira recorda que durante todos estes meses e, especialmente durante os meses de inverno, todos os rapaces tiveron que conformarse cunha carpa provisional. “Este atraso non é unha simple cuestión técnica, senón unha mostra evidente da mala xestión do alcalde, que non foi quen de cumprir cos prazos establecidos nin de ofrecer unha alternativa real por falta de diñeiro”, denunciou.

A situación no municipio xa está a xerar moito malestar xa que a obra leva camiño de ser “interminable” porque “non hai unha data de finalización clara”.

Nicole Grueira pregunta “que medidas vai tomar o Concello para acelerar os traballos e garantir que os nenos poidan volver ao pavillón canto antes e, sobre todo, se o alcalde é capaz de dar unha data de remate da obra”.

“Non podemos permitir que os máis pequenos sexan os principais prexudicados pola ineficacia da administración local. O Concello debe dar respostas inmediatas e deixar de mirar para outro lado mentres as familias e os centros educativos seguen esperando. Queremos solucións reais, non máis escusas”, sentenciou.