Partido Popular de Lugo

O PP de Cervantes esixe “explicacións” e “responsabilidades” ao alcalde polo impedimento do Concello para rexistrar solicitudes de alta na agrupación local de Protección Civil

Cervantes, 15 de abril de 2025. O portavoz do Grupo Municipal do PP de Cervantes, Óscar Fernández, reclama ao alcalde a apertura de expedientes de investigación sobre o impedimento para rexistrar no Concello solicitudes de alta de voluntarios na Agrupación Local de Protección Civil e posibles discriminacións e irregularidades.

O popular vén de rexistrar unha solicitude formal dirixida ao rexedor tras ter coñecemento, a través de testemuñas de persoas afectadas, que o Concello está a impedir o rexistro de solicitudes de aspirantes a voluntarios.

Fernández esixe explicacións e responsabilidades ante o que considera “un feito de extraordinaria gravidade” toda vez que “vulnera tanto a propia lei de Bases de Réxime Local coma o regulamento da propia agrupación”.

O portavoz do PP no municipio, que lembra que a agrupación de voluntarios de Protección Civil depende do Concello, censura que “se permita esta posible discriminación” vulnerando o “principio de igualdade”.