Lugo, 15 de abril de 2025.- O PP lucense advirte que “o Goberno de Sánchez incumpriu todos os prazos para o arranxo da N-540” e á vista de que “agora non hai nada diferente, nada fai pensar que van cumprir”.
Así o manifesta Francisco Conde á vista de que o Goberno de España elude contestar ás preguntas formuladas polos deputados no Congreso da provincia de Lugo -Francisco Conde, Jaime De Olano e Cristina Abades e Ourense – Celso Delgado, Ana Belén Vázquez e Rosa Quintana-.
Os populares preguntaban sobre a data efectiva de comezo e as obras executadas ata a data do contrato para a rehabilitación do firme da N-540 que, moi probablemente eluden responder debido á escasa entidade dos parcheos executados. Tampouco compromete o Goberno a data na que estarán finalizadas a totalidade das obras na provincia de Lugo.
Conde considera que “un prazo de 38 meses para a execución do contrato para o arranxo desta vía é inasumible -a pesar de que o Goberno rebaixou en marzo do 2024 o prazo ata os 18 meses-, un risco para a seguridade viaria dos condutores” toda vez que “se necesita unha actuación inmediata”.
Os populares manifestan que é inxustificable que a execución fora tan escasa cando as obras foran adxudicadas polo Ministerio de Transportes o 14 de febreiro de 2024 e formalizado previsiblemente o contrato coa adxudicataria en marzo do 2024. A N-540 a día de hoxe presenta un estado lamentable, o que motivou as moi xustificadas protestas nas últimas semanas en Chantada.
Os populares cren que “o Goberno do Estado debe dicir publicamente prazos concretos para o arranxo da estrada, sobre todo data de inicio, en lugar das escusas dadas ata o de agora, como que no inverno non fan obras”. De feito, o Executivo limítase a dicir, na resposta oficial, que “en inverno non se poden realizar obras de firmes polas condicións meteorolóxicas”, pero tampouco se executaron obras nin en xullo, nin en agosto nin en setembro de 2024.
Os deputados no Congreso aseguran que estarán moi pendentes e seguirán realizando o control parlamentario destas obras toda vez que onte mesmo a subdelegada do Goberno en Lugo declarou que as obras se reanudarán ao pasar a Semana Santa, pero “a realidade é que non deron ningún prazo concreto”.