Partido Popular de Lugo

O PP lucense pide no Congreso ao Goberno de Sánchez “investir na conservación” da ponte de Cruzul e “finalizar de forma inmediata” a súa declaración como BIC

Becerreá, 14 de abril de 2025.- Os deputados do PP de Lugo -Francisco Conde, Jaime De Olano e Cristina Abades- defenderán no Congreso a “conservación e posta en valor” da ponte de Cruzul, no municipio de Becerreá, cunha ofensiva que inclúe unha PNL (Proposición No de Ley) para instar a actuar a dous Ministerios e solicitude de copia ao Estado do expediente sobre a súa declaración de Ben de Interese Cultural (BIC).

Conde e De Olano explicaron a proposta durante unha visita á ponte xunto a concelleiros do PP de Becerreá e representantes do Partido Popular na comarca coma o alcalde das Nogais, Jesús Núñez, que destacan a “importancia histórica e patrimonial” deste elemento para a comarca dos Ancares.

Concretamente, os deputados esixirán ao Goberno de Sánchez dende o Congreso que o Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible invista no mantemento da ponte de Cruzul e que o Ministerio de Cultura finalice de forma inmediata a tramitación do expediente para a súa declaración como BIC, que lle corresponde ao Estado por tratarse dun ben da súa titularidade.

Con estas iniciativas, o PP lucense dá traslado ao Goberno de España dunha reivindicación dos representantes do Partido Popular de Becerreá. O seu portavoz, José Fernández Carrete, incide na “posta en valor” da ponte de Cruzul e da súa declaración como BIC toda vez que “é un elemento importante do noso concello” por onde, ademais, “discorre a Vía Künig, que é unha das apostas de futuro que temos na nosa zona”.

Os populares consideran necesario que “o Goberno de España -titular da vía- realice investimentos para o mantemento e posta en valor da ponte de Cruzul” de forma que se garanta a súa conservación en bo estado e “se protexa mentres non finaliza a tramitación do expediente para súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC)” que lle corresponde ao Ministerio de Cultura por tratarse dun ben patrimonio do Estado. O ano pasado estaba sendo obxecto de análise e revisión por parte dos técnicos, segundo aseguraba o Executivo.

ELEMENTO HISTÓRICO E CULTURAL

O viaduto, proxectado no ano 1773 polo enxeñeiro francés Carlos Lemaur dentro da rede de Camiños Reais impulsados por Carlos III, foi construído sobre o río Narón entre 1776 e 1778 para conectar Galicia coa Meseta.

É un exemplo singular da obra civil desenvolta durante o período da Ilustración e considérase o único ben patrimonial da provincia vinculado ao Neoclásico. Ten unha lonxitude de máis de 90 metros e consta de tres vans de cantería de pedra calcaria con outros tantos arcos de medio punto.

A ponte de Cruzul está incluída no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia desde marzo de 1991 e atópase nun espazo natural de extraordinario valor ecolóxico como é a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses.

Foi testemuña, durante a Guerra da Independencia, de episodios da resistencia ante os invasores por parte da xente da zona -clero, nobreza e campesiñado- que combateron unidos. A batalla con máis transcendencia foi a que permitiu ao exército británico fuxir das tropas francesas e que na actualidade se recrea no lugar no mes de maio.