Partido Popular de Lugo

O PP insta ao goberno de Camiña Sarria a acondicionar os parques e espazo de xogo das parroquias “ante o seu estado de abandono”

Sarria, 11 de abril de 2025. O Grupo Municipal do Partido Popular de Sarria reitera ao goberno municipal a proposta para o acondicionamento dos parques e espazos de xogo das parroquias ante o seu “estado de abandono e desleixo. Co comezo do bo tempo, urxe que o Concello adopte medidas inmediatas para mellorar e recuperar os parques infantís do rural de forma que poidan servir como lugar de encontro e de esparexemento para os máis pequenos”, explica a portavoz, Carmen José López.

Os populares xa solicitaran en diversas ocasións -incluso foi abordado en Pleno- actuar no coidado e mantemento destes espazos nas parroquias de Belante, Ferreiros ou O Mato. Os elementos de xogo nos parques de Belante ou Ferreiros retiráronse sen se se teña procedido á súa substitución. O resultado é un espazo inutilizado e unha mostra máis do abandono que sofren moitos puntos do rural sarriao por parte do goberno local”.

López incidiu en instar ao goberno de Camiña Sarria a reverter o antes posible o desmantelamento de instalacións como a de Belante, unha necesidade que nos traslada a veciñanza e que entendemos que debe ser de atención urxente tendo en conta, ademais, á súa situación, en pleno Camiño de Santiago e á negativa imaxe que está a trasladar do noso municipio”.

Ademais do caso de Belante, os populares denuncian “o mal estado xeneralizado de moitos parques rurais, con columpios rotos, maleza e vexetación descontrolada, elementos deteriorados e unha preocupante falta de mantemento e seguridade”.

O Grupo do PP esíxelle ao goberno municipal cumprir os acordos adoptados no Pleno: a reposición de elementos retirados, unha revisión completa do estado actual das áreas de xogo e intervencións de mellora e mantemento, tanto correctivo como preventivo.

“Non abonda con quitar o que está mal: hai que arranxalo, repoñelo e coidar destes espazos que son importantes para a vida nas nosas parroquias”, conclúe Carmen José López.