Partido Popular de Lugo

O PP de Monforte solicita que se habiliten aseos públicos en Monforte para evitar condutas incívicas

Monforte, 10 de abril de 2025. Os concelleiros do PP de Monforte solicitaron no pasado pleno que o Concello habilitase aseos públicos no municipio para mellorar a imaxe que se dá aos turistas que se achegan cada verán e, sobre todo, para evitar condutas incívicas que en determinadas rúas e zonas da cidade son habituais e provocan molestias, como malos cheiros.

A voceira popular, Katy Varela, sinala que se debería de poñer en marcha esta medida, “tal e como se fai en numerosas cidades de España” e que “para sufragar o seu mantemento podería cobrarse unha cantidade simbólica para axudar a súa limpeza”.

INSPECCIÓN DE EDIFICIOS

Os concelleiros populares, alertados polas numerosas queixas cidadás que recibiron nas últimas semanas, pediron tamén ao Concello de Monforte que revise o estado das cubertas dos edificios do municipio xa que tralos temporais de choiva e vento, algunhas cubertas presentaban risco de caída de elementos polo seu mal estado de conservación. “O único que queremos e que se revisen aqueles cubertas que poden presentar maior perigo para evitar o desprendemento de calquera elemento a rúa, xa que pode provocar unha verdadeira desgraza”, sinalou.