Partido Popular de Lugo

O PP esixe a PSOE e BNG o arranxo, ensanche e mellora das estradas provinciais LU-P-4001 e LU-P-4002 principais conexións intermunicipais e coa A-54

Mércores, 9 de abril de 2025. Os deputados do Grupo Provincial Popular reclaman a PSOE e BNG que melloren o mantemento así como amplíen o ancho das estradas LU-P-4001 e LU-P-4002, dúas estradas provinciais que conectarán os concellos de Monterroso, Antas de Ulla e Palas de Rei directamente coa autovía A-54.

O voceiro provincial, Antonio Ameijide, xunto ao deputado e voceiro do PP en Antas de Ulla, Javier Varela, o alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, e os concelleiros en Palas de Rei, Amando Sande e José Ramón García, comprobaron o estado destas estradas que, ademais, precisan dun arranxo urxente.

Antonio Ameijide esixe a PSOE e BNG “o mesmo nivel de compromiso” con todos os veciños da provincia, “sen importar a cor política” que goberne cada concellos xa que “todos os lucenses merecen o mesmo trato e non o que fan agora PSOE e BNG, que é clasificar aos veciños en lucenses de primeira e de segunda”.

O voceiro popular insiste en que é preciso mellorar o mantemento destas vías, así como aumentar o seu ancho, xa que “ao ser as principais conexións destes tres municipios coa A-54” aumentará considerablemente a densidade de circulación.

Antonio Ameijide recorda que non é a primeira ocasión na que piden a PSOE e BNG mellorar o mantemento destas estradas xa que comparten parte do seu percorrido co Camiño Francés, polo que o número de peregrinos que as percorren ao longo do ano “é bastante elevado” polo que é moi urxente aumentar o ancho da vía, así como habilitar cunetas practicables para que se poida camiñar polas marxes garantindo a seguridade dos peóns e peregrinos na zona que conflúe co Camiño de Santiago no límite de provincia. “Incluso chegamos a propoñer que, no caso de haber a posibilidade, se habilitara un sendeiro independente pola marxe da estrada”, recorda.

“A afluencia de peregrinos polas distintas rutas da provincia cada vez é maior. Polo tanto, débense extremar as medidas de seguridade e tamén procurar ofrecer unha boa imaxe aos peregrinos”. Nese sentido, Ameijide considera que “non é de recibo que en Palas de Rei, unha zona con moito volume de peregrinos, estea a vía neste estado lamentable de conservación”.