Venres, 4 de abril de 2025. Os deputados do Grupo Provincial Popular rexistraron esta mañá alegacións á memoria que recolle o modelo de xestión e os prezos que se pagarán na residencia de Becerreá, documento no que PSOE e BNG deixan claro que “para eles hai veciños de primeira e veciños de segunda”, xa que pretenden poñer en marcha varias desigualdades entre as que se recollen que os futuros usuarios deste centro de atención a maiores pagarán un 60% que os usuarios do resto de residencia da rede provincial.
Antonio Ameijide explicou, xusto antes de rexistrar o documento de alegacións, que “por coherencia e, sobre todo, por ser fieis ao noso compromiso de traballar por acadar a igualdade de todos os lucenses, independentemente do municipio no que residan, presentamos estas alegacións porque non podemos permitir que José Tomé, o PSOE e o BNG fomenten que haxa veciños de primeira e segunda”.
Neste senso, o voceiro popular recorda como PSOE e BNG insisten en que os futuros usuarios da residencia de Becerreá paguen 810€ máis ao mes, un 60% máis, que os usuarios das residencias de Navia ou Pedrafita, xa que un veciño dependente na rede de CAMs da Deputación actualmente paga 1.390€/mes mentres que en Becerreá pagará 2.200€/mes polo mesmo servizo.
Ademais, Ameijide destaca que a Deputación de Lugo débelles aos veciños de Becerreá 1.318.781,18€ da baixa da obra, “unha cantidade que debería destinarse ao equipamento da residencia e non o fan”. “Son uns cartos comprometidos con Becerreá e que se deben de investir no municipio, en lugar de que PSOE e BNG os destinen a outros concellos dirixidos por afíns”, afirmou.
No documento de alegacións, os deputados populares tamén reclaman a PSOE e BNG que “garanten a igualdade de trato e de prestación de servizos” na residencia de Becerreá como nas do resto da rede provincial, recordando como “socialistas e nacionalistas teñen a intención de dar a xestión deste centro a unha empresa privada, baixo un sistema de xestión privada con canon 0”.
Ademais, segundo a memoria que PSOE e BNG aprobaron no pleno de febreiro, e que se publicou no BOP da provincia o 7 de marzo, prevén uns beneficios mensuais netos para a empresa concesionaria de entre 220.000 e 357.000€ e un volume total de negocio de 77.829.639,16€ ao remate dos 25 anos da concesión.
Esta decisión de PSOE e BNG certifica que o seu modelo de centros de atención a maiores “é un modelo fracasado” así como que “por fin quitaron a careta xa que o seu modelo é un modelo 100% privatizador” ao querer entregar un edificio construído con fondos de todos os lucenses a unha empresa para que privatice 96 prazas de residencia e 40 de centro de maiores.