Partido Popular de Lugo

O PP pide ao Goberno de Sánchez “rectificar” e recuperar o 100% da bonificación por baixas de maternidade

Lugo, 4 de abril de 2025. O PP defenderá no Senado unha iniciativa para instar ao Goberno de España a que recupere o 100% da bonificación por baixas de maternidade ou paternidade que se aplicaba antes de setembro do 2023. A presidenta provincial, Elena Candia, e os senadores -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- explicaron a proposta en rolda de prensa acompañados por alcaldesas e concelleiras do PP na provincia.

Candia sinalou que a proposta do Grupo Popular do Senado, que se debaterá na Comisión de Traballo e Economía Social, pretende “rectificar” o que os populares consideran “un retroceso nas políticas públicas a favor da conciliación e de incentivar a natalidade” que afecta especialmente a Lugo toda vez que “na nosa provincia o reto demográfico segue sendo un importante reto”. Coa decisión do Goberno de Sánchez, “lonxe de avanzar no progresismo e na igualdade, da un paso atrás”.

A decisión do Goberno de Sánchez afecta aos dereitos laborais das mulleres no conxunto do país, á súa estabilidade laboral, o seu desenvolvemento persoal e un retroceso na promoción da corresponsabilidade.

Historicamente, cando un empregado se atopaba en baixa por maternidade ou paternidade e se realizaba un contrato de interinidade para cubrir a súa ausencia, os seguros sociais do empregado substituído estaban completamente bonificados, ao 100%, durante o período de baixa.

“Esta medida pretendía, de forma histórica, incentivar a natalidade”; xa que o Goberno asumía o aumento do custo destas situacións. “Pero, dende 2023, este Goberno que presume de progresista e fomentar moitas cousas no eido social” decidiu aplicar “unha medida de desincentivo” como é a substitución desa bonificación por unha cantidade fixa de 366€ ao mes sobre a cotización do empregado en situación de baixa, apunta Barreiro.

“Esta medida grava ao conxunto do tecido empresarial nun contexto xa de por si complexo” xa que teñen que abonar a diferencia entre a contía real dos seguros sociais e os 366€ da bonificación. Por iso, “pedimos ao Goberno de Sánchez que volta a onde estabamos e que volva a asumir a totalidade do custe nunha situación de baixa por estas circunstancias”.

Barreiro considera “totalmente contraditoria” esta situación: “por un lado din unha cousa e por outro, cando teñen que actuar, van no sentido contrario. Din que van favorecer a natalidade, a integración, a conciliación… pero as actuacións van xusto no sentido contrario”.

O senador do PP lucense e viceportavoz do Grupo Popular no Senado sinalou que “a iniciativa sairá adiante co apoio do grupo maioritario na Cámara Alta, o Partido Popular”. E avanza que “unha vez aprobada, estaremos vixiantes de que o Goberno cumpra o mandato das Cortes Xerais”. Do contrario, estariamos ante unha situación “descabellada” que sería “non facer caso aos mandatos das Cortes Xerais” que, por outro lado, “xa o avanzou o presidente Sánchez, que se fora necesario gobernaría sen as Cortes”.

CIFRAS

A base media de cotización para unha muller de entre 30 e 34 anos (a idade de maternidade máis frecuente) é de 1.974€ dos cales 700€ se corresponden á cotización. Coa bonificación de 366€, só se cubriría un 52%.

Ata o 2023 a empresa ou autónomo estaba exento do pago da cota. É dicir, o único custo que tiña que asumir era o salario da persoa con contrato de interinidade para cubrir esa baixa.