Partido Popular de Lugo

O PP defenderá en todas as administracións o arranxo “inmediato e urxente” da N-540, “necesario para garantir a seguridade viaria”

O Partido Popular considera “prioritario” que o Goberno do Estado realice de forma “inmediata e urxente” a rehabilitación integral da N-540 Lugo – Ourense “por motivos de seguridade viaria ao ser un verdadeiro perigo para os condutores”.

Unha reclamación defendida pola presidenta provincial do PP, Elena Candia, e do voceiro e os deputados do Grupo Provincial, deputados autonómicos e alcaldes, que explicaron que se defenderán iniciativas, tanto no Parlamento autonómico como na Deputación de Lugo, para reclamar ao Goberno central estes traballos de arranxo.

Elena Candia lamenta que “o pouco que se fixo nesta estrada é insuficiente” ao que engade que “o estado das infraestruturas titularidade do Estado é un claro reflexo do constante desagravio que sofre a nosa comunidade autónoma por parte do Goberno central liderado por Pedro Sánchez”.

A presidenta provincial do PP de Lugo explica que esta estrada nacional “é a única conexión que temos coa Alta Velocidade ferroviaria”, así como tamén recordou que “son máis que evidentes os atrasos na finalización da construción da autovía A-56, fundamental para enlazar Lugo con Ourense, pero que dado que non parece que vaia a producirse a curto prazo, a N-540 segue sendo a vía de referencia para realizar os percorridos entre ambas cidades”.

Pola súa banda, o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, pregunta ao Goberno do Estado “onde están os 10M€ anunciados para o arranxo desta estrada”, facendo énfase en que “polo de agora o único investimento que vimos os lucenses non chega nin a 200.000€ en 2024 e os traballos de mantemento están parados dende xuño, nun novo insulto a todos os lucenses”.

Antonio Ameijide coincide en que “urxe” o arranxo desta estrada, transitada a diario por miles de vehículos. “O plan de rehabilitación anunciado o ano pasado polo Goberno de Pedro Sánchez foi electoralista e insuficiente xa que precisamos o arranxo integral e inmediato desta vía, non un plan a máis de 3 anos”.

Neste senso, o voceiro provincial popular afirma que “estamos ante un novo desprezo para os lucenses” xa que “o goberno de Mariano Rajoy contemplaba un plan de reforma desta estrada cun investimento de 20M€, pero o Executivo central nin sequera o ten en conta xa que os socialistas da provincia miran cara outro lado”.

Pola súa banda, a deputada autonómica, Katy Varela, destaca a importancia desta estrada nacional para a vertebración da provincia ao comunicar vilas importantes do centro e sur da provincia como Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada ou Carballedo.

“Esta estrada ten un tráfico importantísimo, de turismos e camións, que están a sufrir o seu mal estado e abandono. Son innumerables as fochancas que se atopan en todo o trazado, ocasionando incluso danos en vehículos e incidentes na condución que se intensifican co mal tempo”, lamentou.