A voceira do PP de Pol, Nicole Grueira, advirte dunha débeda de máis de 3,5M€ no Concello de Pol pola “mala xestión económica levada a cabo nos últimos anos polo alcalde” e engade que “as previsións son negativas para o 2025”.
Grueira explica que “a situación económica do noso concello é preocupante. O caos económico na xestión municipal quedou en evidencia coa aprobación da liquidación do exercicio 2024”. Así, advirte que “hai máis gastos que ingresos. A previsión inicial de gastos era de 1.799.455,83€; pero a cifra final disparouse ata os 3.650.344,96€”. A diferenza de 1.850.899,13€ de gasto, máis do dobre que previsto, é “abrumadora” e reflicte “unha xestión irresponsable e sen planificación”, incide.
De feito, “seguimos sen orzamentos dende o 2022. O Concello non é capaz de sacalos porque nin cumpre as regras de gasto”. E indica que “o endebedamento excesivo está poñendo en risco a estabilidade financeira do Concello e pode ter consecuencias directas e moi graves sobre a calidade dos servizos públicos como xa está ocorrendo”.
Polo tanto, Grueira urxe a tomar medidas “para controlar o gasto e reducir a débeda” porque, do contrario, “o futuro económico do municipio corre perigo. É imprescindible un cambio de rumbo que priorice o benestar dos veciños e non unha política de malgasto descontrolado que só leva ao afundimento económico do Concello”, conclúe.