Os concelleiros do PP de Guitiriz pedirán acceso ao expediente completo de arranxo da cuberta do obradoiro de artesanía da escola de Pardiñas, tras ver como a obra se realizou “sen que o Concello de Guitiriz adxudicase os traballos”.
O voceiro popular, José Manuel López, explica que ao existir moitas dúbidas sobre a legalidade desta obra, no último pleno preguntamos a alcaldesa pola data exacta de licitación da obra. “A resposta que nos deu Marisol Morandeira deixounos perplexos, porque asegurou que o Concello de Guitiriz non adxidicara a obra a ninguén”, recordou.
José Manuel López engadiu que “non contenta coa súa resposta, a alcaldesa sentenciou a súa intervención indicando que “non sabe quen contratou a obra”.
O voceiro popular en Guitiriz quere deixar claro que “para nada estamos en contra destes traballos, todo o contrario, eran moi necesarios porque as numerosas goteiras existentes poñían en risco todo o material que alí se garda” pero “o que si que criticamos é que non se siga a legalidade, xa que senón se adxudicou a obra, quen ordenou realizar estes traballos?”.
Ante esta situación, José Manuel López pregunta se o Concello de Guitiriz poderá xustificar os traballos ante a Deputación, xa que segundo un acordo de colaboración entre ambas administracións sería o ente provincial o que asumiría os 13.000€ de custo dos traballos.
O voceiro popular engade que “soubemos as datas de inicio e fin dos traballos grazas ás redes sociais e aos medios de comunicación” xa que “o comezo da obra foi o 12 de febreiro, segundo publicaron nas redes sociais do BNG de Guitiriz, e remataron en torno ao 21 de febreiro, segundo recolleu o xornal El Progreso”.
“Unha mostra máis de que nin Marisol Morandeira nin ninguén do seu equipo de goberno souberon algo sobre este arranxo ou, polo menos, iso é o que din dada falta de cumprimento da legalidade”, rematou.