Partido Popular de Lugo

O PP interésase polo desaxuste das rutas de transporte escolar en Cervantes que “a Xunta se comprometeu coa comunidade educativa a resolver”

Cervantes, 2 de abril de 2025. O Partido Popular, compartindo a preocupación dos pais e nais dos alumnos do CPI de Cervantes ante un desaxuste das rutas de transporte escolar na súa última modificación, interesouse por coñecer os detalles da situación e tratar de buscar unha solución como lle pedían familias afectadas ao portavoz, Óscar Fernández.

Tras dar traslado da situación, a administración autonómica analizou o caso e comprometeuse a resolver á máxima brevidade posible, como xa lle comunicou á comunidade educativa (a ANPA e o propio centro).

O popular sinala que: “pretendemos ser útiles aos nosos veciños e veciñas polo que intentamos ser áxiles á hora de atender os problemas e buscarlles solución”. Neste caso, “unha vez detectado o desaxuste, demos traslado aos representantes da Xunta de Galicia para analizar con detalle a ruta do transporte escolar no municipio. Unha vez detectadas as posibles melloras, comprometéronse a implantalas nos próximos días”.

Fernández traslada, en nome do PP de Cervantes, o seu agradecemento aos representantes do Goberno galego por “atender as necesidades dos veciños e veciñas do noso municipio e, máis concretamente neste caso, dos nenos e nenas e as súas familias”. Así mesmo, agarda que “as rutas recuperen a normalidade canto antes” de forma que “a comunidade educativa continúe desenvolvendo a súa actividade sen incidencias”.

As rutas, como se lle comunicou ao centro e á ANPA, serán modificadas do seguinte xeito:

1.- Savane – Quindous – Ardevila – Quindous – Couso – Sabadelle – Tarnas – San Martin da Ribeira – San Román

2.- Cantiz – Vilar de Cancelada – Dumia – Eilarrio – San Román.