Partido Popular de Lugo

O PP esixe a PSOE e BNG que completen o arranxo da LU-P-1201 en Castroverde, na que restan varios quilómetros por reasfaltar e precisa de máis seguridade

Xoves, 27 de marzo de 2025. Os deputados do Grupo Provincial Popular seguen a comprobar o estado de abandono da rede viaria provincial e comprobaron en Castroverde “as chapuzas” do PSOE e BNG nas estradas da Deputación xa que “vimos como na LU-P-1201 comezaron o seu arranxo pero o deixaron a medias, sen reasfaltar a totalidade da vía e sen instalar os elementos de seguridade necesarios”.

O voceiro provincial, Antonio Ameijide, xunto ao voceiro Pablo Figueiras e varios concelleiros populares en Castroverde revisaron a situación na que se atopa esta e outras estradas provinciais no municipio e coincidiron ao sinalar que “é precisa unha maior preocupación pola seguridade viaria en Castroverde, xa que esta e outras vías presentan deficiencias que as fan perigosas para os condutores”.

Entre as eivas detectadas están a necesidade de reasfaltar un treito da vía, de varios quilómetros, no que se realizou un bacheado pero que “é insuficiente” xa que é preciso mellorar a seguridade, ampliando a carretera, “tal e como se fixo noutros puntos da mesma”.

Ademais, cómpre instalar biondas en varios puntos para evitar caídas por terrapléns ou a varios regatos, así como, na parroquia de Pereiramá, coincidindo co polígono industrial do municipio, sinalizar correctamente unha isleta na que xa se teñen producido diversos accidentes.

“É suficiente cunha simple ollada para ver como os accidentes son frecuentes, xa que os sinais de tráfico nesta isleta están danados polos impactos de vehículos, así como hai restos de carrocería de coches tirados neste punto”, explicou.

Antonio Ameijide recorda que “non é a primeira vez que revisamos esta estrada” poñendo o foco “na chapuza” que fixeron PSOE e BNG o ano pasado xa que “tiveron que asfaltar dúas veces esta estrada nos puntos nos que actuaron xa que os traballos foron deficitarios e aos poucos meses levantouse o asfalto novo polas presas e a chapuza dos traballos”.

O voceiro provincial explica que “as présas” de PSOE e BNG por “facer que fan lévaos a planificar mal os traballos na rede viaria o que desemboca nun aumento do gasto xa que en moitas ocasións hai que realizar de novo os traballos”.