Partido Popular de Lugo

O PP considera “unha boa nova” a mellora da LU-622 na que a Xunta inviste máis de 600.000 euros ao seu paso polo municipio de Láncara

Láncara, 27 de marzo de 2025. O PP destaca “a boa nova que supón para Láncara o arranxo da estrada autonómica LU-622” ao seu paso polo municipio e que a Xunta de Galicia vén de sacar a contratación cun investimento de máis de 600.000 euros.

A portavoz, Olga Capón, explica que “esta actuación sempre foi unha prioridade para o PP de Láncara e así o trasladamos en diferentes reunións cos responsables do Goberno da Xunta”. Recentemente, a portavoz participou xunto ao concelleiro Miguel Losada nun encontro co delegado da Xunta en Lugo no que lle trasladaron esta demanda, entre outras que se compromete a estudar.

A actuación nesta vía de titularidade autonómica consistirá no estendido dunha nova capa de rodadura que permitirá “mellorar o estado do firme” dunha estrada que comunica Láncara e Corvelle (Sarria) -pasando por Carracedo e Armea- e que rexistra un importante volume de tráfico.

Capón explica que “a LU-622 atravesa o concello ao seu ancho” polo que “vertebra as comunicación entre o municipio”. É máis, “é moi empregada para os veciños e veciñas da zona da montaña para achegarse á capitalidade municipal”.

A Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) sacou a licitación o pasado 21 de marzo o reforzo do firme desta estrada xunto ás LU-533, LU-536 e LU-636. Unha vez adxudica a obra, o prazo de execución será de 6 meses.

VARANDAS NA ÁREA DA FONTE DE CEDRÓN

Capón destaca tamén que se está a materializar “outra das actuacións de competencia autonómica que consideramos necesarias e que lle trasladamos persoalmente ao delegado da Xunta en Lugo”: a instalación de varandas de madeira na marxe da área de descanso da fonte de Cedrón, a carón da LU-636, que permiten “evitar posibles riscos de caída e embelecer a área da fonte”.