Monforte, 26 de marzo de 2025. “O Goberno de Pedro Sánchez quere deixar á provincia incomunicada e non o podemos permitir”. Así de contundentes se amosan os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte que defenderán no pleno de marzo unha iniciativa para esixir ao Goberno do Estado que presente un novo Plan Director do Corredor Atlántico que evite o illamento da provincia de Lugo en materia de infraestruturas.
A voceira popular, Katy Varela, defende que “son necesarios compromisos concretos, cifras detalladas e prazos definidos para a execución das obras de mellora das infraestruturas viarias e ferroviarias de titularidade estatal” entre as que deben de incluírse, entre outras, “a conexión real por alta velocidade de cara a garantir as comunicacións, a competitividade e o desenvolvemento dos concellos da provincia de Lugo en igualdade de condicións a outros territorios”.
Katy Varela explica que tras analizar o mapa do Corredor Atlántico para o horizonte 2030 do Plan Director para Galicia “o Goberno de Pedro Sánchez borra á provincia de Lugo de calquera tipo de investimento en novas infraestruturas ou da chegada da alta velocidade ferroviaria”.
Neste senso, os concelleiros populares afirman que Lugo de Galicia e do entorno que queda fóra de todo. “O Goberno de España non considera as vías e liñas que comunican Lugo coas provincias do entorno rede básica nin prioritaria e, polo tanto, non contempla ningunha actuación no horizonte do 2030”, explicaron.
Unha realidade que provoca que Monforte de Lemos tamén quede illado. O trazado actual da liña Ourense – Lugo non permite alcanzar os 160 km/h de media establecidos para os trens de viaxeiros, senón que esa é a velocidade máxima punta en escasos tramos da rede na provincia e o Goberno de España non contempla a execución das variantes de Os Peares-Canabal nin Rubián, imprescindibles para reducir os tempos de viaxe.
Para a liña entre Monforte – Ferrol / A Coruña non está previsto melloras ata o horizonte do 2050 e, de cara ao 2030, só contempla a supresión de pasos a nivel. Tampouco se contemplan prazos de execución nin fondos para a A-76 Ponferrada-Monforte-Ourense nin sequera foron referidas na presentación do Plan Director.
“Ante a falta de impulso das novas autovías e a inexistencia dun programa de mantemento das estradas xa existentes é necesario que de inmediato se dea un trato xusto no que respecta ás vías de comunicación que transcorren pola provincia de Lugo e que atinxen tamén a cidade de Monforte de Lemos”, defenden.