Partido Popular de Lugo

O PP de Sarria pon en valor o investimento de máis de 1M€ que levará a cabo a Xunta en tres estradas autonómicas do municipio

Sarria, 25 de marzo de 2025. O Grupo Municipal do Partido Popular de Sarria destaca “o investimento de máis de 1M€” da Xunta para a mellora de tres estradas de titularidade autonómica (LU-536, LU-636 e LU-622) que rexistran “especial tránsito” no municipio.

Os populares tiñan trasladado a conveniencia de actuar sobre estas vías nunha reunión que mantivo a voceira, Carmen José López, co delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias; o director territorial da consellería de Vivienda e Planificación de Infraestruturas na provincia de Lugo; Marco Antonio Fernández; e o xefe do servizo da Axencia Galega de Infraestruturas nesta provincia, Gerardo Pallares.

Trala publicación da licitación (o pasado 21 de marzo), López analizou con Pallares, as actuacións que comprenden o fresado localizado, posterior reposición e capa de rodadura na LU-536 (para o que a Xunta reserva máis de 433.000€), fresado en toda a plataforma e posterior reposición na LU-636 (cun investimento superior aos 435.000€) e o estendido dunha capa de rodadura na LU-622 (cunha achega de 282.000€).

A portavoz considera que “este investimento mellorará moi significativamente o estado das estradas autonómicas no municipio e suporá, ademais, a renovación do tramo urbano de titularidade autonómica da LU-636, o que transcorre pola rúa Diego Pazos, unha das arterias principais da vila”.

Unha vez sexan adxudicadas as obras, está previsto un prazo de execución de seis meses.