Os concelleiros do PP de Guitiriz amosáronse moi preocupados “polo lento avance” das obras do centro de atención a maiores do municipio e esixen á alcaldesa que “apele a que a Deputación axilice os traballos” xa que a “veciñanza está cansa dos constantes atrasos nos traballos”.
O voceiro popular, José Manuel López, recorda que “periodicamente revisamos os traballos” que se están a realizar na residencia e “comprobamos como avanzan moi despacio, a pesar de que xa se produciron varias demoras na data de remate”, sendo a última data concretada xullo de 2025 “unha data que seguramente non se vai a cumprir”.
Ante esta situación, José Manuel López indica que “moito nos tememos que detrás de todos estes atrasos o único que se esconden son fins electorais” para que “cando estean a piques de finalizar as obras, a alcaldesa e o presidente da Deputación poidan sacar unha foto xusto antes da campaña das eleccións municipais de 2027”.
Neste senso, o voceiro popular en Guitiriz esixe “altura de miras” tanto á alcaldesa Marisol Morandeira como ao presidente da Deputación e que “pensen nos veciños de Guitiriz en lugar de pensar na forma de buscar máis votos”.
A residencia de Guitiriz non só sufriu continuos atrasos, senón que o edificio cedido polo propio Concello para a construción da residencia – a coñecida como Casa da Botica, un edificio emblemático, con valor histórico e elementos patrimoniais catalogados situado no centro da localidade – foi derrubado polo goberno provincial.