Partido Popular de Lugo

O PP de Becerreá inicia unha campaña porta a porta de recollida de alegacións para garantir igualdade de trato para os futuros usuarios da residencia

O PP de Becerreá comezou unha campaña porta a porta de asesoramento e recollida de alegación entre toda a veciñanza do municipio para acadar “igualdade de trato” para os futuros usuarios do centro de atención a maiores.

O voceiro popular en Becerreá, José Fernández Carrete, explicou que “non pedimos máis, pero tampouco menos” e os veciños do municipio e da comarca “temos dereito ao mesmo trato por parte da Deputación” que no resto da provincia, en alusión á diferenza de prezos que o PSOE e o BNG provinciais queren impoñer aos futuros usuarios da residencia.

Neste senso, segundo a memoria que recolle o modelo de xestión e os prezos que se pagarán na residencia, aprobada por PSOE e BNG na Deputación, un usuario dependente pagará 2.200€/mes mentres que no resto de centros da rede provincial o prezo é de 1.390€/mes. “É imposible de entender que pretendan que en Becerreá se paguen 810€ máis cada mes que nas residencias de Navia ou Pedrafita, que están a moi poucos quilómetros”, sinalou.

Ante esta situación, “estamos a disposición de toda a veciñanza”, recordou Fernández Carrete, e engadiu que “como ata agora, o meu teléfono e o de todos os meus compañeiros están dispoñible 24 horas ao día para solucionar calquera dúbida ou para axudar na elaboración e presentación das alegacións”.

Carrete explicou que ademais da diferenza de prezo, tamén consideramos indispensable que o 1.318.781,18€ da baixa da obra se destine ao equipamento da residencia xa que “son uns cartos comprometidos con Becerreá e que se deben de investir no municipio”.

“Nos case 15 días que restan de prazo para presentar alegacións non descansaremos para axudar a calquera veciño a que presente a súa alegación porque non se trata de cores políticas, senón de facer xustiza porque estamos cansos da diferenza de trato de PSOE e BNG dende a Deputación cos veciños de Becerreá”, sinalou.

Ademais, José Fernández Carrete tamén quixo agradecer “o apoio e traballo” que están a ter con toda a veciñanza dende o Grupo Provincial Popular na Deputación de Lugo e dende todo o Partido Popular da provincia. “Están ao noso carón en todo momento, levan moitos meses apoiando e traballando para facer xustiza para os veciños de Becerreá”, concluíu.