Partido Popular de Lugo

Balseiro pedirá explicacións a Puente por deixar fóra do corredor atlántico de mercadorías ferroviarias “ao 90% da provincia”

Lugo, 23 de marzo de 2025. O senador do PP lucense, José Manuel Balseiro, formulará este martes no Pleno da Cámara Alta unha pregunta ao ministro de Transportes y Movilidad Sostenible, Óscar Puente, por que o 90% da provincia de Lugo queda fóra do Corredor Atlántico de Mercadorías.

O senador popular explica que “o Plan Director presentado polo Goberno de Sánchez deixa á cidade de Lugo fóra do Corredor Atlántico de Mercancías, unha infraestrutura estratéxica de transporte por ferrocarril”.

A través dunha resposta por escrito a preguntas formuladas ao Executivo polos representantes populares na Cámara Alta, o Goberno de Sánchez xa confirmara que Lugo queda fóra do Corredor Atlántico de Mercadorías, como mínimo, outros 9 anos máis porque a próxima revisión da configuración dos Corredores non está prevista ata o ano 2033.

Recentemente, os senadores tamén advertían de que “o Goberno de España renuncia as variantes ferroviarias proxectadas polo Goberno de Rajoy”; xa que na súa resposta oficial ás súas preguntas “non concreta ningunha previsión de acometer as obras das variantes que permitirían reducir os tempos de viaxe. E tampouco concreta nada sobre a lanzadeira entre Lugo e Ourense anunciada polo ministro Puente”. Unha vez máis, os populares denuncian que “Lugo queda sen conexión co AVE”.

DISCRIMINACIÓN A LUGO

Balseiro acusa ao Executivo de Sánchez de “discriminar unha vez máis á nosa provincia” polo que esixirá explicacións ao ministro á vista de que “para o Goberno do PSOE Lugo desaparece do futuro da mobilidade ferroviaria tanto de pasaxeiros como de mercadorías”.

O senador popular condena “o abandono á provincia de Lugo co consentimento do PSOE e do BNG”.