22 de marzo de 2025. O Grupo Popular rexistrará unha iniciativa no Parlamento de Galicia a través da que se demanda ao Goberno de España que proceda sen máis dilación a promover a segunda fase do polígono empresarial do Morelle en Sarria, un proxecto que xa fora anunciado hai cinco anos pero que a día de hoxe aínda non é unha realidade, privando da instalación de novas empresas neste concello lucense.
Os deputados populares Cristina Sanz e José Manuel Mato, acompañados da portavoz municipal do PP, Carmen José López, achegáronse ata os actuais terreos do polígono empresarial de Sarria para denunciar o atraso que sofre a segunda fase deste parque industrial.
Neste sentido, lembraron que “pasaron case cinco anos desde que o daquela delegado do Goberno, Javier Losada, e o alcalde, Claudio Garrido, anunciaran a bombo e prato o compromiso para desenvolver a segunda fase do polígono de Morelle, atrevéndose incluso a prometer o inicio da comercialización das parcelas, que ocuparían unha extensión próxima aos 240.000 metros cadrados”.
“Lamentablemente, pasado todo este tempo aínda non se fixo nada, ocasionando un grave prexuízo para Sarria ao impedir o asentamento de novas empresas ou a ampliación das existentes, que se ven obrigadas a buscar alternativas fóra deste concello”, indicaron os deputados populares.
Cristina Sanz e José Manuel Mato explicaron que esta iniciativa no Parlamento galego vén sumarse á presentada no Senado polos representantes do PP de Lugo, que demandaba ao Goberno de Pedro Sánchez compromisos concretos, prazos e contías, “pero a súa resposta deixou claro que non teñen intención real de executar esta segunda fase do polígono de Morelle”.