Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial reúnese co PP de Becerreá e a veciñanza para reclamar igualdade de trato ao municipio co resto da provincia

Sábado, 22 de marzo de 2025. Os deputados do Grupo Provincial Popular mantiveron onte en Becerreá unha xuntanza de traballo con afiliados do PP no municipio e con veciños para explicarlles todos os pasos dados dende o Grupo Provincial de cara a acadar a apertura do centro de atención a maiores, así como para “asegurarlles que seguiremos a traballar para que a veciñanza de Becerreá e da comarca teña o mesmo trato que o resto de veciños da provincia”.

Durante esta xuntanza, o voceiro popular, Antonio Ameijide, detallou aos presentes “todos os pasos dados” dende o Grupo Provincial durante os últimos anos ata a actualidade para “reclamar a apertura da residencia de Becerreá”, ademais de explicar o contido da memoria aprobada por PSOE e BNG no pleno de febreiro (publicada no BOP do 7 de marzo) na que se recolle o modelo de xestión e os prezos estipulados que terán que pagar os futuros usuarios.

Neste senso, o voceiro provincial popular quixo deixar claro á veciñanza de Becerreá que “seguiremos traballando para que os veciños do municipio e da comarca teñan o mesmo trato que os do resto da provincia”, en referencia á diferencia de prezo que PSOE e BNG pretenden que haxa entre a residencia de Becerreá e os restantes centros da rede provincial.

Un camiño no que “dende o Grupo Provincial non deixaremos sos nin aos nosos compañeiros do PP nin á veciñanza de Becerreá porque o que queremos é igualdade de trato para todos os lucenses, independentemente do municipio no que residan”.

Antonio Ameijide detallou que dende o goberno provincial de PSOE e BNG insisten en crear na provincia veciños de primeira e veciños de segunda xa que segundo se establece na memoria, os usuarios da residencia de Becerreá pagarán 810€ máis ao mes, un 60% máis, que os usuarios das residencias de Navia ou Pedrafita xa que un veciño dependente na rede de CAMs da Deputación actualmente paga 1.390€/mes mentres que en Becerreá pagará 2.200€/mes polo mesmo servizo.

Ademais, na mesma memoria recóllese que a residencia de Becerreá “darase a unha empresa privada baixo un sistema de xestión privada con canon 0” pero que prevé beneficios anuais netos para a empresa concesionaria de entre 220.000 e 357.000€ e un volume total de negocio de 77.829.639,16€.

Esta decisión de PSOE e BNG certifica que o seu modelo de centros de atención a maiores “é un modelo fracasado” así como que “por fin quitaron a careta xa que o seu modelo é un modelo 100% privatizador” ao querer entregar un edificio construído con fondos de todos os lucenses a unha empresa para que privatice 96 prazas de residencia e 40 de centro de maiores.