Partido Popular de Lugo

O PP esixirá no pleno que PSOE e BNG garantan que os prezos que pagarán os usuarios da residencia de Becerreá sexan os mesmos que os do resto de centros da rede provincial

No pleno do mes de febreiro, PSOE e BNG aprobaron a “Proposta da actividade económica e do réxime xurídico do Centro de Atención a Persoas Maiores de Becerreá”, un documento no que se recollen os aspectos social, xurídico, técnico e financeiro da actividade económica do centro e  que se determina a súa forma de xestión.

Un documento no que non se recolle a data de apertura nin cando se sacará a licitación, xa que cómpre recordar que PSOE e BNG privatizarán a residencia ao 100%, pero si establece os prezos que pagarán os futuros usuarios, que serán un 60% máis caros que os do resto de centros da rede provincial.

  • Tarifa residencia xeral persoa autónoma: 1.750,00 €
  • Tarifa residencia xeral persoa dependente: 2.200,00 €
  • Tarifa centro de día: 375,00 €

O voceiro provincial, Antonio Ameijide, recorda que mentres un veciño de Navia ou Pedrafita paga 1.390€/mes por unha praza de residente dependente, PSOE e BNG estipularon que un veciño de Becerreá pagará no mesmo réxime 2.200€

Por este motivo, os deputados populares defenderán no pleno unha iniciativa para instar ao equipo de goberno provincial a establecer e garantir que os prezos polos servizos prestados aos futuros usuarios no Centro de Día e Residencial Comarcal en Becerreá sexan os mesmos que os do resto de Centros de Atención a Maiores que forman parte da rede de centros construídos ou con cofinanciamento da institución provincial.

Ameijide pregunta “por que PSOE e BNG insisten en crear na provincia veciños de primeira e veciños de segunda” xa que segundo se establece na memoria os usuarios da residencia de Becerreá pagarán un 810€ máis ao mes que os usuarios das residencias de Navia ou Pedrafita polo mesmo servizo.

Dende o Grupo Provincial Popular recordan que no pleno de febreiro, PSOE e BNG non souberon responder a como controlarán o servizo que se prestará na residencia, unha licitación que, segundo a memoria presentada, “se dará a unha empresa privada baixo un sistema de xestión privada con canon 0” pero que prevé beneficios anuais netos para a empresa entre 220.000 e 357.000 euros e un volume total de negocio de 77.829.639,16€.

Antonio Ameijide afirma que “o expediente que o mes pasado aprobaron PSOE e BNG certifica que o seu modelo de centros de atención a maiores é un modelo fracasado” así como que “tanto socialista como nacionalistas por fin quitaron a careta xa que o seu modelo é un modelo 100% privatizador. “Queren entregar un edificio construído con fondos de todos os lucenses a unha empresa para que privatice 96 prazas de residencia e 40 de centro de maiores”, recordou.

Os deputados populares esixen a PSOE e BNG que pidan desculpas públicas “polas súas reiteradas mentiras” en relación á residencia de Becerreá, poñendo como exemplo que “sempre defenderon que tiñan os cartos suficientes para equipar este edificio pero na memoria que hoxe aprobaron establecen que será a empresa que xestione a residencia a que terá que investir 1.394.343,29€ para dotar de mobiliario, cociña e lavandería, cortinaxe e obras necesarias a realizar no exterior”.