Partido Popular de Lugo

O PP denuncia o dano que se está a provocar ao comercio local pola mala planificación de José Tomé nas obras

“A mala planificación das obras realizada por José Tomé está a xerar o descontento entre a veciñanza, así como un gran enfado entre os comerciantes, cada día máis afectados no seu traballo diario”.

Así o explican dende o Grupo Municipal do PP de Monforte ao ver como se volveu a abrir a rúa Cardenal, poucos ano despois de realizar outra actuación, “e todo por non facer as cousas como se debería nun primeiro momento”.

A voceira popular, Katy Varela, recorda que no ano 2020 xa se levou a cabo unha rehabilitación integral da rúa Cardenal para renovar a maior parte da pedra, momento no que xa se lle reclamou ao alcalde que renovase tamén todos os servizos e deixase preparadas canalizacións que se puidesen necesitar a futuro
“para evitar obras posteriores e ter que molestar de novo aos veciños”. “Pero a realidade é que fixo caso omiso e hai un mes que comezou unha nova obra nesta rúa”, lamentou.

Os traballos realizados eran para mellorar a potencia eléctrica que se dá a varios edificios desta rúa, obras xa rematadas, pero veciños e comerciantes seguen a sufrir os problemas porque a rúa non se puxo de novo en servizo.

O motivo é que cando comezaron os traballos romperon a pedra da rúa, polo que non se puido reutilizar e, agora, dende o goberno local explican que non teñen provisión suficiente para reabrir a rúa, de aí o atraso. “Estamos ante un novo exemplo de nefasta planificación de José Tomé, non preveu axeitadamente os traballos e agora quen sofre as consecuencias son os veciños e os comerciantes”, denunciou.

Ante esta situación, dende o Grupo Municipal Popular preguntarán ao goberno local polos motivos de comezar a obra sen ter garantías suficientes de que podían rematar os traballos nos prazos previstos, algo que non sucede xa que “carecen do material necesario para rematar a obra e poder poñer a rúa de novo en servizo”.