Lugo, 18 de marzo de 2025. Os representantes do Partido Popular levan ao Senado as deficiencias en materia de cobertura móbil, internet e fibra óptica nos municipios da comarca da Montaña lucense e Os Ancares.
José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano piden explicacións formalmente ao Goberno de Sánchez sobre as medidas que ten previsto para corrixir as deficiencias nesta zona. Concretamente, formulan preguntas para obter resposta escrita en relación ás xestións que está a facer a administración estatal ante as empresas de telecomunicacións para mellorar a conectividade neste territorio. Tamén queren saber en que prazos se prevé corrixir esta situación.
Os senadores advirten que “os problemas de cobertura telefónica é unha constante en moitos municipios da Montaña lucense”. De feito, veciños de varias aldeas de Cervantes levan meses reivindicando acceso a un servizo telefónico básico. Outras, coma o Fabal, seguen sen ter acceso ao 4G ou ao despregamento da rede de fibra óptica.
Os populares enumeran algúns prexuízos que xera esta situación a diario para particulares, estudantes ou empresas: “prolongar no tempo estas deficiencias reduce a posibilidade de seguir unha educación a distancia para mellorar a formación, de teletraballar dende o rural, conectar cos servizos de saúde, realizar trámites administrativos ou financeiros e, incluso, afecta á actividade de empresas locais que se dedican ao turismo ou á venda de produtos online.
Os senadores do Partido Popular afean que “o Goberno de Sánchez asegure que os españois temos dereito á conectividade e que o país está amplamente conectado grazas ao investimento realizado en redes e infraestruturas dirixidas a reducir a brecha dixital entre os centros urbanos e o medio rural, cando a realidade é que lugares da nosa provincia continúan sufrindo a diario problemas por falta de conectividade”.