Partido Popular de Lugo

O PP de Sarria critica a “postura cómplice” do goberno municipal no bloqueo do Estado á segunda fase do polígono industrial e insta ao alcalde a sumarse á reivindicación de solo

Sarria, 17 de marzo de 2025. O PP de Sarria lamenta que “o alcalde sexa o único que está a desatender a reivindicación da necesidade de solo industrial”. Así, ante a súa “postura cómplice” do goberno municipal co bloqueo por parte do Goberno do Estado á segunda fase do polígono industrial do Morelle, os populares instan ao alcalde a “sumarse á reivindicación de máis solo industrial” que permita implantar empresas en Sarria, xerar emprego e asentar poboación.

“Mentres outros concellos da provincia como Rábade, Ribadeo ou Monforte están a velar polo crecemento e o emprego nos seus municipios, reivindicando a creación de solo industrial e a bonificación do prezo do solo industrial, o goberno de Camiña Sarria parece alleo a unha necesidade que é acuciante no noso concello”. De feito, “é un dos municipios con máis necesidade de solo industrial. Coa súa pasividade, Garrido é cómplice do bloqueo do SEPES ao desenvolvemento industrial e empresarial de Sarria”, segundo subliña a portavoz popular, Carmen José López.

“Cada vez que o Partido Popular levou a iniciativa ao Pleno para intentar esixir ao Goberno central avances coa segunda fase do polígono do Morelle, sempre atoparon escusas e reticencias por parte do goberno municipal para esixir unha necesidade fundamental para a prosperidade e o emprego de Sarria”, expón a popular.

López considera “inasumible” que “o alcalde, que debía ser o interlocutor principal das necesidades do municipio, prefira calar mentres empresas do Concello teñen que marchar a outras localidades que si dispoñen de solo industrial para asentarse e medrar”.

Dende o Partido Popular manteñen que o goberno municipal “coa súa pasividade mostra unha complicidade inaceptable co bloqueo que está provocando o SEPES ao non executar o proxecto de urbanización da segunda fase do polígono do Morelle» e “dá as costas ás necesidades e ás posibilidades de crecemento de Sarria, que sempre se caracterizou por ser un municipio especialmente emprendedor”, conclúe López.