A voceira do PP, Nicole Grueira, esixe “coherencia na elección das prioridades de gasto” a Lino Rodríguez tras ter coñecemento de que a Deputación de Lugo retivo cartos dun convenio de colaboración despois de que o Concello de Pol non realizase as súas aportacións da residencia de maiores do municipio, correspondentes aos anos 2022 e 2023, así como a súa achega con respecto á construción do centro.
A voceira popular en Pol, Nicole Grueira, lamenta que “non é a primeira vez que vemos como o alcalde destina os cartos aos seus caprichos, en lugar de destinalos a cubrir as necesidades básicas dos veciños ou para mellorar o municipio”.
Neste senso, Grueira é moi crítica co alcalde e a súa “obsesión por investir centos de miles de euros unicamente no campo de fútbol ou en mercar edificios que logo abandona”, pero todos os veciños “vemos como están as pistas e camiños municipais están sen arranxar, segue negándose a recuperar o conserxe para o colexio, non se pagan as aportacións da residencia da terceira idade ou os servizos básicos que necesitan todos os veciños non están cubertos”.
Unha situación que “é moi preocupante” porque “a realidade económica do Concello de Pol é que hai unha débeda de máis de 3,5M€ e que vai en aumento co paso dos meses”.