Partido Popular de Lugo

O Goberno de Sánchez ríse dos veciños de Lugo e pon en perigo aos condutores da N-540

Lugo, 14 de marzo de 2025. O Goberno de Sánchez ríse dos veciños e veciñas da provincia de Lugo e mente descaradamente ao asegurar que os tramos rehabilitados da N-540 entre Lugo e Ourense contan coa “debida sinalización horizontal conforme á normativa vixente”. A realidade é moi diferente: a estrada segue sen pintar, convertendo esta vía nun perigo constante para os condutores, especialmente de noite ou con néboa, moi frecuente na zona.

Esta resposta oficial do Goberno chega tras unha pregunta realizada polos senadores do Partido Popular no Senado, José Manuel Balseiro, José Manuel Barreiro e Juan Serrano, na que se solicitaba unha data para a reposición das marcas viarias nos tramos reparados. Lonxe de asumir a súa responsabilidade e dar unha solución, o Executivo intenta enganar á cidadanía cunha mentira evidente.

O Partido Popular denuncia a falta de seriedade e o desprezo do Goberno pola seguridade viaria dos lucenses. “É unha auténtica vergoña que teñamos que esixir algo tan básico como pintar as marcas da estrada despois de meses de espera. O Goberno non só non soluciona o problema, senón que nos toma por parvos coa súa resposta”, afirman os senadores do PP por Lugo.

A falta de sinalización horizontal en plena época de néboas é unha irresponsabilidade gravísima. Desde o PP esixen ao Ministerio de Transportes que deixe de mentir e actúa de inmediato para repoñer as marcas viarias. “Xa está ben de maltratar á provincia de Lugo. Cada día que pasa sen sinalización é un día máis de risco para os condutores. Se non son capaces de xestionar nin unha pintura, que marchen”, engaden os senadores populares.