A Mariña, 8 de marzo de 2024. O senador lucense, José Manuel Balseiroinstará este luns na Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible do Senado ao Goberno de Sánchez a avanzar na execución da autovía da Mariña (A-74).
O popular leva á Cámara Alta esta proposta que inclúe que o Executivo estatal impulse os trámites administrativos previos necesarios e as partidas orzamentarias suficientes para iniciar as obras na totalidade dos tramos, durante o 2025, por ser unha vía de comunicación prioritaria para a comarca da Mariña e que permitiría mellorar os índices de accesibilidade, capacidade e seguridade vial, e potenciar a economía da provincia de Lugo e de Galicia.
A A-74 é unha infraestrutura viaria moi demandada e do máis claro interese estratéxico para a comarca –unirá as localidades de San Ciprián (Cervo) e Barreiros servindo de unión coa vía de alta capacidade Costa Norte e coa autovía A-8 e, tamén, como itinerario alternativo á actual nacional 642- polo que o senador do PP espera “o apoio de todas as forzas políticas a esta iniciativa”.
DEIXADEZ DO GOBERNO DE ESPAÑA DURANTE OS ÚLTIMOS ANOS
Balseiro lembra que “todo canto hai feito é o que deixou realizado o Partido Popular e o PSOE desde que está no goberno non fixo absolutamente nada –salvo os compromisos incumpridos como, por exemplo, cando na campaña ás eleccións xerais o secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, prometeu a contratación do primeiro tramo da A-74 para o 2024-“. Concretamente, explica que “nos 6 anos de goberno de Pedro Sánchez non só non se avanzou na construción dun solo quilómetro desta autovía, nin nos seus trámites administrativos previos, senón que incluso non se executaron os investimentos comprometidos nos Presupostos Xerais do Estado”. É máis, “non se executaron os preto de 4M€ consignados polo Goberno de Rajoy para licitar os tramos de Barreiros, Foz e Burela; senón que o Goberno de Sánchez tampouco foi capaz de executar as súas propias partidas orzamentarias que supoñían un importante recorte con respecto ás cantidades consignadas polo Goberno do Partido Popular”, incide.