Venres, 7 de marzo de 2025. Os deputados do Grupo Provincial Popular critican a actitude de José Tomé “unicamente preocupado por asfaltar dentro de Monforte, municipio do que é alcalde” tras dar esta semana unha nova mostra “da súa total falta de solidariedade e do seu egoísmo” tras anunciar o arranxo integral da LU-P-3201, pero só no treito que discorre polo termo municipal de Monforte, a parte restante da vía, que discorre por Sober “segundo o presidente soamente será bacheada” pero no proxecto non figura nin esa actuación para o concello limítrofe, con gran arraigo e unión xa que moitos monfortinos e soberinos comparten orixes.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, non cuestiona as obras que se van a realizar “xa que cómpre recordar que en marzo de 2024 reclamos a adopción das medidas de seguridade necesarias no barrio de Piñeira, como a creación de beirarrúas ou pasos de peóns”, pero “o que si poñemos en tea de xuízo é que os traballos máis importantes, como a mellora da seguridade e o reasfaltado da vía se realicen unicamente dentro do Concello de Monforte, deixando de lado ao Concello de Sober, no que só se realizará un bacheado”.
“Coincidimos na necesidade de reasfaltar esta estrada para mellorar a circulación así como dotala de beirarrúas e pasos de peóns para garantir a seguridade de viandantes e condutores, pero non é xusto que José Tomé empregue a Deputación de Lugo unicamente para mellorar as condicións do seu concello”, denunciou.
Ante esta situación, Ameijide pregunta a Tomé “se pensa que os veciños de Monforte non saen nunca do seu municipio, xa que moitos traballan en localidades veciñas e tamén se expoñen a situacións de perigo porque as condicións das estradas provinciais son moi mellorables debido á falta de mantemento”.
Neste senso, Ameijide esixe a José Tomé que “deixe a un lado o seu egoísmo, do que cada día fai gala, e comece a preocuparse polas necesidades de todos os concellos da provincia, non só do seu e deixando migallas para aqueles gobernados por amiguetes”.