Partido Popular de Lugo

O PP insiste na necesidade de aumentar a vixilancia sobre a circulación de patinetes eléctricos nas beirarrúas e zonas peonís 

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte non entenden os motivos polos que José Tomé “se negou a responder se ía dar orde de intensificar a vixilancia sobre a circulación de patinetes eléctricos” nas rúas do municipio.

A voceira popular, Katy Varela, explica que ante as numerosas queixas da veciñanza “cada vez son máis e de maior intensidade” realizamos un rogo no último pleno ordinario para instar ao equipo de goberno a realizar algún tipo de campaña ou aumentar a vixilancia sobre este tipo de vehículos de mobilidade persoal “e o silencio de José Tomé ao respecto foi algo que nos chamou poderosamente a atención”.

A popular explica que “normalmente o alcalde ten algún tipo de resposta ás preguntas e rogos que lle formulamos no pleno”, pero “nesta ocasión sorprendeunos o seu silencio”.

A realidade é que cada vez son máis as queixas dos monfortinos sobre o uso que algúns dos usuarios deste tipo de vehículos lle dan aos mesmos, xa que cómpre recordar que está prohibida a súa circulación por beirarrúas e zonas peonís. “A realidade é que cada vez son máis as incidencias en zonas peonís e a xente maior ten medo de recibir algún golpe deste tipo de vehículos, motivo polo que instamos ao alcalde a aumentar a vixilancia”, sinalou.

Un silencio que “non entendemos” no Partido Popular xa que contrasta co aumento de vixilancia que realizou na circulación e estacionamento de coches en zonas peonís “a pesar de que se deteñan unicamente para realizar labores de carga e descarga, algo que pediron comerciantes e empresarios de Monforte e que Tomé se negou a escoitar”.