Partido Popular de Lugo

O Partido Popular de Sarria propón a recuperación e ampliación da praia fluvial na área do Chanto

Sarria, 26 de febreiro de 2025. O Grupo Municipal do Partido Popular de Sarria propón recuperar e ampliar unha praia fluvial na área do Chanto.

Os populares recollen na proposta que defenderán no Pleno municipal deste xoves a realización dos estudos técnicos e ambientais necesarios para garantir a viabilidade e sostibilidade da praia fluvial na zona.

Así mesmo, reiteran dende o PP de Sarria ao goberno de Camiña Sarria sobre a necesidade de elaborar e executar un proxecto integral de recuperación da área recreativa, tal e como xa fora aprobado anteriormente. E para todo isto, “é necesario incluír nos orzamentos municipais as partidas necesarias”.

A praia fluvial de O Chanto, creada en 1961, foi un espazo emblemático para os veciños e veciñas de Sarria así como “un atractivo importante para visitantes, proporcionando un contorno natural e de lecer de importante valor que actualmente segue a ser recordado con cariño e nostalxia por distintas xeracións”.

A portavoz, Carmen José López, explica que, “nos últimos anos, a zona sufriu un progresivo deterioro ata o punto de que a día se hoxe non pode nin tan sequera definirse como praia fluvial, xa que non existe zona de baño apta para o seu uso”.

A rotura da presa, a falta de mantemento e a degradación das infraestruturas converteron este espazo nunha área desaproveitada, a pesar do seu potencial para o lecer, o turismo e o fomento de actividades deportivas e culturais.

López condena que “ante o seu estado de abandono, o goberno municipal nin sequera executara minimamente as melloras aprobadas en Pleno a petición do Grupo Municipal Popular tanto no anterior como no presente mandato”.

NOVAS POSIBILIDADES

A popular engade que “a adquisición de novas parcelas na zona por parte do Concello, unha delas na beira do Río Sarria; abren a posibilidade de que, ademais do fin previsto de ampliación das piscinas municipais, puidera recuperarse e ampliarse a praia fluvial agora desmantelada”, expón. Deste xeito, “evitaríase que os bañistas que buscan este tipo de espazos naturais teñan que desprazarse a outros municipios da comarca que si contan con zonas de baño”. En definitiva, contribuiría tamén a “diversificar a oferta de ocio”.