Partido Popular de Lugo

O PP de Sarria subliña que “o único responsable de non ter pagado aínda ás farmacias é o propio alcalde, que é o único que pode aprobar o pago”

Sarria, 18 de febreiro de 2025. O Partido Popular de Sarria cualifica de “tomadura de pelo” a convocatoria da xunta reitora da residencia de onte e recórdalle ao alcalde que o único responsable de non ter pagado aínda a débeda ás farmacias é el mesmo.

A portavoz, Carmen José López, explica que “o alcalde está advertido por Intervención de que o único competente para aprobar o pago as farmacias é el mesmo. Por iso, un acordo adoptado pola xunta reitora da residencia non sería válido porque non ten a competencia para adoptar o acordo.

“Garrido era coñecedor e aínda así decidiu montar un teatro innecesario”, subliña. “O único que pode adoptar o acordo é el mesmo. Se non o fixo e non o fai é unicamente a súa responsabilidade e terá que explicalo”, engade.

A popular aclara que “o alcalde minte unha vez máis” porque “o Partido Popular nunca votou en contra de pagar ás farmacias”. É máis, nin sequera votou porque, de aprobarse por un órgano incompetente, o acordo sería nulo”.

“Convocar a xunta reitora de novo é unha tomadura de pelo, cara a nós e, o máis importante, cara ao sector das farmacias. Estaba máis que advertido de que non íamos votar algo para o que non temos a competencia”, puntualiza López.

O Pleno xa aprobara hai meses unha modificación de crédito para pagar a débeda, “pero o alcalde dilatou o pago para sobrepasar os prazos, non sabemos con que intención, supoñemos que coa de non pagar”.

DEIXADEZ E INCOMPETENCIA DO ALCALDE

Os populares instan ao rexedor de Camiña Sarria a “asumir a súa competencia e responsabilidade en lugar de mentir e intentar responsabilizar aos demais da súa deixadez e a súa incompetencia para gobernar o municipio. Se quixese xa podía ter pagado. Pode pagar hoxe mesmo se quere, porque o único que pode facelo é el”, insisten.

Carmen José López considera que “Garrido leva anos dedicándose a sementar discordia e enganar; en lugar de preocuparse polos intereses do municipio, que é o que debería de facer se fose un alcalde responsable. Unha vez máis deixa claro que non é así e que o seu obxectivo non é evitar problemas, senón crealos”.

Os concelleiros do PP xa explicaron na reunión da xunta reitora do mes de novembro e reiteraron por escrito que “como membros da xunta non podemos votar un asunto que non é da nosa competencia”. Aínda así, “o alcalde volveu a convocar este órgano co único fin de buscar escusas e eludir a súa responsabilidade. Garrido fixo caso omiso de todas as advertencias, convocounos a pesar de todo e agora intenta facerse o sorprendido”.

López considera que “esta situación foi buscada e provocada polo alcalde que foi o que deixou pasar o tempo a pesar de que tiña o acordo do Pleno para destinar os cartos a pagar esa débeda. De feito, onte podía adoptar de novo o acordo coa xunta reitora a pesar da inasistencia. Se non o fixo foi porque el tamén sabe que o único competente é el e que a xunta reitora de onte era un teatro innecesario e unha tomadura de pelo á oposición e ás farmacias”.