Mércores, 5 de febreiro de 2025. Os deputados provinciais, Antonio Ameijide e Jesús Núñez, xunto ao veceiro do PP en Cervantes, Óscar Fernández, e concelleiros comprobaron o perigo existente na estrada provincial LU-P-1401, de Doiras a Degrada, ao seu paso polo lugar de Cancillos, onde a estrada presenta problemas de desprendementos, co conseguinte risco de afundimentos, así como de caída de varios postes da luz, de sinalización e barreiras de seguridade.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, lamenta “esta nova falta de atención e traballo” por parte do goberno provincial de PSOE e BNG no referente ao mantemento da rede viaria provincial porque “esta situación en Cervantes, dáse por desgraza noutros puntos da provincia, e o perigo é máis que evidente para os condutores e para os propios veciños que viven nestas zonas”.
Neste punto a estrada está a desprenderse, podendo provocar derrubamentos sobre outra estrada provincial, a LU-P-1408 de Cancillos a Veiga do Seixo e Noceda, o que podería provocar que estas vías quedasen intransitables polos desprendemento “deixando incomunicados varios núcleos”.
Ademais, polos desprendementos que se están a producir, os veciños poderían quedar tamén sen servizo de luz eléctrica xa que un dos postes do servizo está a caer ao perder parte do terreo sobre o que se asenta, ademais de varias sinais de tráfico e dos propios elementos de seguridade colocados na marxe da estrada para evitar caídas polo talud.
O propio voceiro do PP en Cervantes, Óscar Fernández, recorda que os veciños do lugar de Cancillos xa puxeron a situación en coñecemento da propia Deputación “sen que polo momento fixeran caso algún”. “Semella que para o PSOE e o BNG na Deputación ten que suceder algún accidente ou que os veciños queden sen servicios básicos, como o da luz, para que se poñan a traballar”, lamentou.
Unha situación que “por incrible que pareza se repite noutros puntos desta estrada provincial” polo que dende o PP esixen unha actuación inmediata xa que “en concellos con tanta extensión como o de Cervantes contar cunha rede viaria en bo estado de mantemento é fundamental para garantir o día a día dos veciños”.