Partido Popular de Lugo

O PP denuncia que non hai nin 1 € no Plan de Contratación da Deputación de 2025 para equipamento da Residencia de Becerreá

Martes, 4 de febreiro de 2025. Os deputados do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide e Jesús Núñez, mantiveron esta mañá unha xuntanza de traballo con representantes da Plataforma Pro Residencia Becerreá, na que tamén estivo o voceiro do PP na localidade, José Fernández Carrete, e concelleiros.

Durante esta xuntanza, dende o Grupo Provincial Popular explicaron “as constantes negativas” de PSOE e BNG a autorizar o acceso dos deputados populares ao edificio que debería de albergar o centro de atención a maiores de Becerreá. “Xa pedimos acceso en varias ocasións, seguindo os cauces oficiais pero de momento negan a entrada, imaxinamos que non queren que vexamos algo do interior ou o abandono de anos”, asegurou Ameijide.

O voceiro provincial popular teme que esta negativa se deba a que “haxa danos e desperfectos no edificio, xa que a obra rematou hai máis de tres anos pero ata o momento PSOE e BNG negáronse a poñer a residencia en funcionamento” o que provoca que o edificio leve pechado máis de 3 anos “sen poñerse en servizo”.

Ameijide recorda que o Grupo Popular rexistrou o pasado 19 de xullo un escrito ante a Deputación de Lugo solicitando data e hora para poder acceder ao interior do edificio “pero ata agora non nos permitiron a entrada, imaxinamos que para que non desvelemos danos que se produciron no interior do edificio como consecuencia de telo pechado.

Dende o Grupo Popular pedirase acceso aos informes de mantemento e reparación para coñecer a que se deben eses traballos e os motivos que ocasionaron os danos no inmoble.

Ademais, os deputados populares explicaron que solicitaron por escrito, o pasado 17 de xaneiro, acceso e copia das actas das reunións celebradas pola Comisión de Estudo do Centro de Atención a Maiores de Becerreá, se é que se celebraron e existen actas.

Desde o Grupo Provincial Popular sinalan que “seguiremos apoiando” á Plataforma Pro Residencia de Becerreá “como fixemos ata agora e o seguiremos facendo xa que sempre estaremos ao carón dos veciños para prestar todo o noso apoio a súa xusta reclamación e non nos deteremos ata que esta residencia se abra e se poña en servizo”.

O centro de atención a maiores de Becerreá segue pechado polo que non dá servizo a 100 maiores da comarca en réxime de residencia, como tampouco se dá a outros 40 no centro de día. Do mesmo xeito, están a perderse uns cen postos de traballo, entre empregos directos e indirectos.