Sarria, 3 de febreiro de 2025. A portavoz do PP de Sarria, Carmen José López, advirte que no último pleno se destapou a “dinámica habitual de Garrido de mentir e botar culpas fóra”.
O alcalde viuse forzado a retirar a súa proposta para a subida das taxas do matadoiro “ao quedar en evidencia que en realidade non enviara a documentación solicitada pola Consellería de Medio Rural para poder concretar o apoio da Xunta ao servizo de matadoiro municipal de Sarria”.
López subliña que “a única responsabilidade é do alcalde e, por extensión, ao seu goberno, que incumpre reiteradamente os seus compromisos”.
O Partido Popular lamenta “a actitude obstrucionista do alcalde que está prexudicando o funcionamento do Concello, xa que semella que o alcalde está máis interesado en facer oposición á Xunta que en preocuparse por buscar solucións e concretar os apoios ofrecidos por outras administracións”.
López explica que “unha vez máis Garrido intentou enganar a todos os sarriaos afirmando que presentara unha documentación que nunca chegou a presentar e que era un presuposto básico; xa que supón a cuantificación das inversións a realizar no matadoiro. Sen este dato é imposible avanzar no compromiso de apoio”.
O Partido Popular lembra que “é o mesmo que sucede coa situación das antigas vivendas dos mestres”. O Concello non respondeu a ningún dos reiterados requirimentos por parte da Xunta no que se lle solicita aportar a documentación necesaria para desafectalas e poder cumprir o acordo do Pleno para facer o primeiro parque cuberto de Sarria alí. O Concello leva case tres anos de atraso en cumprir coa aportación da documentación para poder dar unha solución a este asunto pendente”, conclúe.