Carballedo, 1 de febreiro de 2025.- Os senadores do Partido Popular polas provincias de Lugo e Ourense esixirán ao Goberno de Sánchez dende a Cámara Alta “retomar e impulsar a autovía A-56 que une as cidades de Lugo e Ourense”. Así o explicou o senador lucense José Manuel Barreiro acompañado pola presidenta provincial do PP, Elena Candia, os senadores de ambas provincias, alcaldes e portavoces dos municipios polos que estaba proxectada esta autovía.
Os senadores afean a resposta do Executivo a unha pregunta formal sobre os seus plans coa autovía A-56 -e, máis concretamente, sobre os prazos previstos para a súa posta en funcionamento- toda vez que se limita a dicir que “el Gobierno, a través del Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, sigue avanzando”. Ante esta “insatisfactoria” resposta, os representantes do PP no Senado por ambas provincias impulsarán unha proposición para darlle o mandato ao Goberno de Sánchez de retomar a construción da A-56”.
Barreiro explica que “esta autovía leva anos paralizada. Só está en funcionamento un pequeno tramo na provincia de Ourense, entre Vilamarín e ata A Barrela (Carballedo). Polo tanto, o que demandamos é darlle continuidade para que, efectivamente, se poda facer uso dunha vía de altas capacidades para comunicar as cidades de Lugo e Ourense”.
O senador do Partido Popular e viceportavoz do Grupo Popular lembrou que “foi o Goberno presidido por Mariano Rajoy o que tomou en serio este proxecto investindo entre o 2015 e o 2018 as maiores cantidades para facer posible o tramo que actualmente está en funcionamento”.
Dende entón, “o Goberno de Sánchez non fixo nada. Isto demostra claramente o abandono e a súa falta de compromiso coa provincia de Lugo, co beneplácito do PSOE lucense e do BNG”.
Os populares teñen reivindicado en numerosas ocasións que a comunicación por estrada entre estas cidades sexa por autovía porque “a única alternativa para comunicar as dúas capitais das provincias galegas do interior é unha vía tamén de titularidade nacional, a N-540, en moi mal estado”.
Os veciños da zona e as empresas vinculadas ao transporte sofren a diario o mal estado da estrada nacional e a parálise dunha autovía que permitiría vertebrar o interior de Galicia.
Barreiro condenou, unha vez máis, “o castigo do Goberno de Sánchez á provincia de Lugo en materia de infraestruturas viarias”.