Partido Popular de Lugo

O PP afea a actitude de Tomé durante o pleno, que se dedicou a menospreciar aos veciños da Florida que o único que fixeron foi reclamar máis seguridade para o seu barrio

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte acusan a José Tomé de “sectario e de non ser un bo alcalde” ao demostrar durante o pleno deste mes “ser selectivo á hora de decidir que problemas se solucionan no municipio, en función dos veciños que realizan as reclamacións”.

A voceira popular, Katy Varela, esixe ao alcalde que “se desculpe” con todos os veciños da Florida tras “burlarse das posibles incidencias que poidan suceder nesa zona, así como dos veciños por reclamar ao Concello de Monforte unha mellor sinalización para mellorar a seguridade neste punto”.

Katy Varela pregunta a José Tomé por que se nega a escoitar “as xustas reclamacións” dos veciños deste barrio: “pode que o alcalde non queira escoitar as peticións para mellorar a seguridade nesta zona do municipio porque os veciños acudiron ao PP para facerse escoitar”

A voceira popular afea a actitude amosada durante todo o pleno polos membros do goberno local “realizando alusións a terceiras persoas que non estaban no pleno e non se podían defender, pero dando a entender que eran os propios veciños da Florida, que o único que fixeron foi reclamar maior seguridade para o seu barrio”.

Ante esta situación “totalmente impropia dun rexedor” dende o Grupo Municipal Popular esixen ao equipo de goberno “que se desculpen cos veciños aos que lles faltaron ao respecto e que se tomen en serio as súas reclamacións, tan lícitas como as de calquera outro veciño do municipio”.