Partido Popular de Lugo

O PP lucense reclama ao Goberno de Sánchez que “protexa ao sector do taxi”

Lugo, 30 de xaneiro de 2025.- A presidenta provincial e voceira do Grupo Municipal Popular, Elena Candia; os senadores do PP lucense José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano e o portavoz do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, mantiveron unha reunión co presidente da Asociación Provincial de Taxistas, Jesús Rodríguez, e o presidente de Radio Taxi en Lugo, Ovidio Aira, xunto a outros compañeiros de profesión.

Os representantes do Partido Popular da provincia de Lugo quixeron escoitar aos representantes dos taxistas para coñecer de primeira man a situación do sector que este mércores desenvolvía unha protesta en toda España -que tamén se trasladou á cidade de Lugo- ante o que consideran “unha subida abusiva dos seguros”.

Os populares lucenses reclaman, polo tanto, ao Goberno de Sánchez que “protexa ao sector” no que se refire á relación coas empresas de seguros. Así, os representantes do PP levarán iniciativas ás distintas cámaras en defensa do sector do taxi.

Son arredor de 450 os taxistas da provincia -dos que 69 operan na cidade de Lugo-. Os propios afectados confirman que existen casos nos que o seguro dun vehículo de taxi supera os 8.000 euros; ademais de que nalgúns casos se vén obrigados a contratar outras pólizas para garantir a cobertura do seguro.

Os populares teñen presente que se trata “dun servizo moi necesario na provincia, especialmente no ámbito rural” onde fan, incluso, “un servizo de acompañamento”.

Os prezos dos seguros unidos a outros gastos fan que, precisamente, nos municipios máis pequenos se vexan máis afectados porque “a capacidade para xerar ingresos é moi diferente á que teñen os profesionais das cidades”.

En relación á actual situación do sector, os senadores do PP lucense xa rexistraron formalmente a comezos desta semana unha pregunta para que o Goberno de Sánchez aclare se ten previsto adoptar algún tipo de medida que axude a paliar este forte incremento dos seguros como xa anunciou o Goberno galego.

AXUDAS DA XUNTA

Os populares lembraron que “a Xunta está a traballar nunha nova orde de axudas cun orzamento previsto de 1M€ coa que pretende axudarlles a sufragar os custos das súas pólizas de seguro”.

O obxectivo da orde é fomentar a incorporación de traballadores asalariados ao sector do taxi, favorecendo maiores quendas de traballo, o que se traduciría nun maior número de taxis dispoñibles.

Ata o 14 de outubro tamén está aberto o prazo para solicitar apoios de ata 10.000 euros para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida, taxis eco ou vehículos cero emisións.