Partido Popular de Lugo

O PP cualifica de “abandono e tomadura de pelo aos veciños” a situación das estradas provinciais en Folgoso do Courel

Xoves, 30 de xaneiro de 2025. “Tomé abandonou aos veciños de Folgoso do Courel ao abandonar por completo as estradas provinciais neste municipio”. Así de contundentes se amosan tanto a alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro, e o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide.

Antonio Ameijide afea que “PSOE e BNG tenten acusar á Xunta de abandonar este concello, cando é a administración que se puxo a traballar dende o primeiro día para solucionar o corte dunha estrada autonómica” mentres que “José Tomé non sabe nin o estado das estradas provinciais no Courel porque hai tempo que non o pisa”.

O Concello de Folgoso do Courel é un dos que máis quilómetros de estradas provinciais ten, con 103.214 quilómetros “totalmente abandonados”, tendo como casos máis graves a estrada LU-P-5601 que, ao seu paso por Paderne, ten un treito de varias decenas de metros “no aire” xa que a terra sobre a que se asenta a estrada correu cara abaixo “perdendo así gran parte do apoio que sostén esta vía e afectando incluso a unha vivenda”, ademais das estradas LU-P-1303, LU-P-1304, LU-P-1306, LU-P-4501 e LU-P-4701 que están nun estado “intransitable e, senón se actúa pronto, ata os veciños van a ter que tapar os baches con terra para poder transitar con algo de normalidade”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro, recorda que o abandono por parte da Deputación cos seus veciños “é maiúsculo” xa que “somos un dos concellos que quedou fóra do plan de mantemento das estradas provinciais anunciado para 2025”. “O peor de todo é que nos tratan como veciños de segunda ou terceira, porque tentan enganarnos co arranxo da estrada LU-P-1301 (conecta Seoane do Courel con Pedrafita) xa que unicamente van a actuar na parte da estrada que se atopa no termo municipal de Pedrafita do Cebreiro”, denunciou.

Para Lola Castro a actitude do goberno provincial “é unha verdadeira tomadura de pelo aos veciños do Courel” porque “somos nós os que temos que percorrer diariamente estas estradas, co perigo que supón debido á total falta de mantemento”.

Un abandono que tamén se ve reflectido coa construción do centro de atención a maiores comprometido co municipio e cos seus veciños, mediante convenio asinado en 2018.

Lola Castro explica que “o convenio para a residencia de Folgoso do Courel foi asinado no 2018, o Concello puxo os terreos a disposición no 2019, posteriormente a Deputación de Lugo presentou un proxecto con numerosos erros e, unha vez corrixidos, o Concello resolveu con dilixencia e outorgoulle a licenza municipal a comezos do 2022”. O convenio remata en xullo do 2025 e o goberno provincial acumula meses sen responder aos escritos da alcaldesa. Ao respecto, a rexedora defende que “os veciños e veciñas do noso municipio merecen respecto por parte do goberno da Deputación de Lugo”.