Partido Popular de Lugo

O PP propón que a Xunta lidere e promova unha acción conxunta coa Deputación e o Concello de Cervantes para restaurar e protexer as pallozas de Piornedo

Piornedo (Cervantes), 29 de xaneiro de 2025.- As pallozas son construcións tradicionais propias dos Ancares e forman parte do noso patrimonio cultural e histórico. De cara á restauración e protección das pallozas do Piornedo, en Cervantes, o Partido Popular propón que a Xunta de Galicia lidere e promova unha acción conxunta entre a administración autonómica, provincial e local. E, de forma especial, que colaboren para a restauración dos danos provocados pola borrasca Herminia nos teitos de palla destas construcións.

O portavoz do PP de Cervantes, Óscar Fernández, visitou este mércores a aldea do Piornedo xunto ao portavoz do PP na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide, e o representante do Goberno galego na provincia, Javier Arias, para comprobar o alcance dos danos nas distintas pallozas afectadas.

Os populares sinalan que “preservar estas construcións é un xeito de protexer unha parte da identidade das comunidades rurais da montaña de Lugo e, polo tanto, unha das nosas xoias etnográficas”.

Nese sentido, cren que “a súa posta en valor e conservación require a implicación e concurso de todas as administracións”, particularmente da Xunta de Galicia, da Deputación de Lugo e o do Concello de Cervantes, fronte á ameaza que supón o paso do tempo e o impacto das condicións meteorolóxicas especialmente adversas no lugar.

As pallozas constitúen tamén un “atractivo turístico singular” que permite coñecer como vivían nesta zona de alta montaña fai séculos. Ademais, están emprazadas nun espazo natural de especial beleza como é a Reserva da Biosfera dos Ancares lucenses.

INICIATIVAS EN DISTINTAS ADMINISTRACIÓNS

Os representantes do PP lucense xa rexistraron unha iniciativa este mércores no Parlamento de Galicia e darán traslado da proposta tamén noutras administracións coma o Concello ou a Deputación Provincial de Lugo.