Sarria, 29 de xaneiro de 2025. O Grupo Municipal Popular propón a instalación de cargadores para vehículos eléctricos e a bonificación do imposto de circulación para “potenciar un modelo de transporte más ecolóxico e a redución da contaminación, tal e como xa están facendo outros concellos da provincia e da propia comarca”.
A portavoz, Carmen José López, explica que “Concellos coma Lugo, Monforte de Lemos, Outeiro de Rei ou Paradela xa teñen previsto bonificacións nas súas ordenanzas municipais e, outros como Triacastela ou O Incio, contan con puntos de carga municipais” que permiten “ampliar a rede de recargar e facilitar a transición enerxética no ámbito rural” á vista de que “cada vez máis usuarios apostan pola mobilidade eléctrica”.
Os populares sosteñen que “a mobilidade sustentable e a loita contra o cambio climático son retos fundamentais para as administracións públicas”. Neste sentido, o fomento do uso de vehículos eléctricos (VE), cada vez máis estendido, é esencial, xa que contribúen á redución de emisións de gases contaminantes, melloran a calidade do aire e diminúen a dependencia de combustibles fósiles.
O desenvolvemento desta tecnoloxía require o apoio das administracións locais para facilitar a infraestrutura necesaria e facilitar a súa adquisición e uso. En particular, a dispoñibilidade de puntos de recarga é un dos factores clave para impulsar a transición cara aos vehículos eléctricos, así como o fomento e incentivos, dentro das respectivas competencias e responsabilidades.
A implantación de medidas neste eido non só impulsará a mobilidade sustentable no noso municipio, senón que tamén permitirá avanzar no cumprimento dos obxectivos de redución de emisións e de ruídos e dotará á veciñanza duns servizos cuxa demanda vai claramente en aumento e que, ademais, contan con axudas doutras administracións que permiten minimizar o custo para as arcas municipais.
PROPOSTA DE ACORDO
En relación á instalación de cargadores eléctricos, o Grupo Municipal Popular propón:
a. Realizar un estudo para identificar as zonas máis axeitadas do municipio para a instalación de cargadores para vehículos eléctricos, priorizando espazos públicos e zonas de alta afluencia.
b. Solicitar subvencións e axudas de programas estatais, autonómicos ou europeos para o financiamento destas infraestruturas.
E, en relación á bonificación no IVTM modificar a ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre vehículos de tracción mecánica a fin de incluír bonificacións específicas para este tipo de vehículos eléctricos.