Samos, 29 de xaneiro de 2025. O Partido Popular de Samos denuncia que “o Concello tivo que pagar unha multa de 10.000 euros por non cumprir as ratios de traballo no Servizo de Axuda no Fogar (SAF)”.
O portavoz, Miguel Gallego, explica que “é a segunda vez que o Concello ten que pagar unha multa por isto mesmo neste mandato” e “a causa non é outra máis que a falta de traballo deste equipo de goberno que non se ocupa de nada”. É máis, “ao pagar sen interpoñer ningún tipo de recurso ou alegación, a propia alcaldesa nacionalista recoñece que non está a cumprir”.
Os populares levan máis dun ano denunciando este problema, pero “seguen sen tomarse ningún tipo de medidas. Ao contrario: o único que fan é culpar a outros”.
Gallego asegura que “sabían perfectamente que se ía a asistenta social e nin se molestaron en sacar a praza a concurso”. De feito, cre “o que querían era aforrar o soldo; pero, ao final, pagan multa e non fan o traballo”.
SEN CALEFACCIÓN NO CENTRO DE MAIORES
O popular considera “un total despropósito” por parte deste goberno ao que se suma que “tiveron o centro de maiores máis de 15 días sen calefacción, sendo os días máis fríos do ano. Os propios maiores dicían que pasaban moito frío e tiñan que quentar a auga en potas na cociña para poder asealos”.
Gallego responsabiliza desta “situación terceiromundista” ao “pasotismo total” do goberno de BNG e PSOE. De feito, “non se sabe quen leva realmente a residencia dado que das sucesivas veces que preguntamos nos plenos, a resposta que se nos dá é que a levan todos porque son un equipo”.
Pero, como di o refrán: “uns polos outros e a casa sen varrer. Así vai todo camiño ao desastre”, conclúe.